ALCALDÍA

O alcalde participa en Madrid nunha mesa redonda no marco da xornada "¿Pagamos o que vale a auga?"

26/01/2010 O alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, participará mañá mércores na xornada aberta ¿Pagamos o que vale a auga?, que se celebrará no Hotel Meliá Castilla, en Madrid, organizada pola Asociación Española de Abastecementos de Auga e Saneamento (AEAS). En concreto, tomará parte nunha mesa redonda en torno á "Evolución dos Servizos da Auga", na que explicará o caso compostelán.

Sánchez Bugallo falará da complexidade da incursión en cascos históricos coma o de Santiago das novas infraestruturas de saneamento e condución de augas potables. Estas implican diversas dificultades técnicas, ás que en moitos casos hai que engadir os achados arqueolóxicos e a súa posterior consolidación e conservación.

A estas dificultades hai que engadir as novas necesidades de soterramento das conducións de electricidade, telefonía ou gas, creando un entramado de redes subterráneas ás veces incompatibles nos mesmos espazos. Isto obriga a unha constante renovación das instalacións, que perturban dun modo case cotiá a vida cidadá.

O alcalde tamén falará da necesaria contribución destas redes de abastecemento e saneamento ao mantemento dun medio ambiente sostible. Nese sentido, xoga un papel fundamental a concienciación sobre o valor real da auga, a través de campañas e de transmitir as posibilidades e técnicas de reutilización e reciclaxe.

Outro punto a analizar na mesa redonda serán as tarefas cada vez máis complexas que os concellos deben asumir no plano administrativo no tratamento da auga: sistemas de medición, taxas, custos de mantemento, obras, etc. A xestión deste servizo foi externalizado paulatinamente na maioría de municipios mediante concesións a empresas privadas, como sucede en Santiago.

Ademais do alcalde compostelán, participarán na mesa redonda sobre a "Evolución dos servizos da auga" o senador José Valín Alonso; o xerente da Entidade de Medio Ambiente da Área Metropolitana de Barcelona, Carles Conill Vergés; e a secretaria xeral de FACUA-Consumidores en Acción, Olga Ruiz Legido. Previamente, pronunciará un relatorio sobre o tema o director do Instituto Tecnolóxico da Auga, Enrique Cabrera Marcet. A xornada completarase con outras dúas mesas redondas, unha sobre "Políticas europeas. Directiva marco da Auga. Situación en España", e outra sobre "Contraprestación económica dos servizos. A factura da auga".

Documentos relacionados



Compartir: