ALCALDÍA

O Ministerio de Cultura terá unha participación activa nos eventos do Ano Santo 2010

21/01/2010 O alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, reuniuse en Madrid coa ministra de Cultura, Ángeles González Sinde. A reunión estivo centrada en varios temas, comezando pola preparación da convocatoria do Real Patronato para o 24 de xullo de 2010.

O alcalde e a ministra falaron dos diferentes aspectos vinculados á xestión cultural na capital galega, salientando especialmente a posibilidade de incorporar o Plan Director da Catedral ao Plan de Catedrais do Ministerio, co obxectivo de dar cumprimento entre 2010 e 2020 aos obxectivos do Plan Director (aprobado polo Concello de Santiago en outubro de 2009). Ademais das intervencións que resolven o conxunto de deficiencias detectadas, no Plan organízanse as tarefas de mantemento. As obras incluídas no Plan poderían estar rematadas no Ano Santo de 2021, segundo explicou o alcalde. As primeiras intervencións vinculadas ao Plan correspóndense cos proxectos de restauración da fachada da Acibechería e da torre do Reloxio, que financia o Ministerio.

Outro aspecto do que falaron durante o encontro foi a posta en marcha do Museo das Peregrinacións e de Santiago (de titularidade estatal e xestión autonómica), prevista para a primavera de 2011, así como da participación do Ministerio en diferentes proxectos a desenvolver na nosa cidade.

A presenza da administración do Estado no Ano Santo foi outro dos temas a resaltar. Bugallo pediu, e González Sinde manifestou, a plena dispoñibilidade dunha maior participación do Ministerio de Cultura e das institucións dependentes deste dentro dos eventos do Xacobeo 2010 e moi especialmente en Santiago. A tal efecto, acordouse poñer en marcha un traballo entre responsables ministeriais para concretar estas actuacións. Para iso, está prevista a visita da ministra, posiblemente entre marzo e abril, para formalizar e pechar estes temas. Así mesmo, González Sinde amosouse moi interesada en achegar as diferentes unidades de producción artístico-cultural do Estado, tales como a Orquestra e o Coro Nacional de España, o Centro Dramático e o Ballet Nacional. Alcalde e ministra falaron de buscar espazos coincidentes entre os programas comprometidos nos diferentes contedores culturais (Auditorio, Pazo de Congresos...), e os organismos dependentes de Cultura e do patrimonio do Estado.

Reunión en Fomento
Doutra banda, Bugallo reuniuse tamén co secretario xeral de Relacións Institucionais do Ministerio de Fomento, Fernando Puig de la Bellacasa, co fin de preparar os actos que se celebrarán en Santiago na mañá do sábado 23 de xaneiro. Así mesmo, acordaron propoñer unha obra de rehabilitación dun edificio de Santiago que iría con cargo ao 1% cultural. Neste sentido, o secretario xeral visitará a cidade mañá venres para achegarse o sábado xunto co alcalde a varios edificios declarados BIC ou nivel 1 de protección dentro do Plan Especial do Casco Histórico, a fin de seleccionar cales poden ser incluídos dentro do programa de rehabilitación.

Compartir: