TURISMO

El Corte Inglés convoca un Concurso de Cociña Familiar dentro do Fórum Gastronómico

19/01/2010 Co obxectivo de fomentar a gastronomía de calidade nos fogares galegos El Corte Inglés, patrocinador do Fórum Gastronómico Santiago 2010, convoca Os pratos da túa vida: I Concurso Galego de Cociña Familiar, cuxa final celebrarase o día 20 de febreiro.

O Centro Comercial Compostela acolleu a presentación de Os pratos da túa vida: I Concurso de Cociña Familiar El Corte Inglés, nun acto que contou coa asistencia de Xosé Manuel Igrexas, concelleiro de Promoción Económica e Turismo; Pep Palau, codirector de Fórum Gastronómico Santiago 2010 e José Manuel Blanco, responsable de Relacións Externas de El Corte Inglés.

Este concurso súmase ás actividades para afeccionados á cociña que terán lugar dentro do Fórum Gastronómico Santiago 2010, que se celebra do 20 ao 24 de febreiro, e busca por en valor os talentos da cociña familiar. Para iso establece tres premios: á mellor receita, dotado cunha tarxeta regalo de El Corte Inglés por valor de 1.000 euros; á receita máis orixinal, premiado cunha viaxe de fin de semana a Londres para dúas persoas; e á mellor receita do mar, que recibirá un arcón conxelador cheo de produtos de Congelados Pereira.

Os interesados en participar poden inscribirse ata o día 3 de febreiro no departamento de Fogar-Enxoval de calquera dos centros El Corte Inglés de Galicia, presentando unha receita de cociña, indicando os ingredientes e describindo o método de elaboración. De todas as receitas recibidas seleccionaranse dez semifinalistas en cada un dos centros, valorando o uso de produtos galegos, a orixinalidade e claridade na explicación.

As semifinais celebraranse o 13 de febreiro simultaneamente nos centros de El Corte Inglés de A Coruña, Santiago e Vigo. Os seleccionados deberán presentar ao xurado a súa receita, elaborada para seis persoas. A organización proporcionaralles o necesario para quentar e servir os pratos, entre os que o xurado seleccionará 3 para participar na final.

A final terá lugar o sábado 20 de febreiro, cando as actividades do Fórum Cidade chegarán a todos os recunchos de Compostela. Un xurado composto por profesionais da restauración e a hostalaría e xornalistas gastronómicos designarán os tres gañadores entre as nove receitas finalistas.

O Fórum Gastronómico Santiago 2010 é un evento promovido polo Concello de Santiago, a Asociación Hostelería Compostela e a Cámara de Comercio, e organizado por Turismo de Santiago e Pep Palau, von Arend Associats. Os seus patrocinadores institucionais son a Consellería de Medio Rural e a Consellería do Mar da Xunta de Galicia, Turgalicia, a Deputación da Coruña e o Consorcio de Santiago. Como patrocinadores privados conta, ademais de con El Corte Inglés, Estrela Galicia, Cabreiroá, Paradores, Rosareiro e Angelo Po.

Compartir: