CENTROS SOCIOCULTURAIS

Unha nova edición do Obradoiro do Espectador achega o público ás artes escénicas contemporáneas

19/01/2010 A Concellería de Cultura e Centros Socioculturais e a compañía Chévere, residente na Sala Nasa, desenvolverán nos meses de xaneiro, febreiro e marzo a terceira edición do Obradoiro do Espectador. Trátase dunha actividade que ten por obxectivo achegar o público ás artes escénicas contemporáneas, proporcionándolles aos espectadores coñecementos para unha maior comprensión e diversión.

O Obradoiro do Espectador é unha proposta dirixida tanto a espectadores experimentados como a persoas que queiran iniciarse no goce do teatro. Como nas dúas edicións anteriores, as actividades están estruturadas en tres partes: unha primeira sesión de adestramento nos centros socioculturais -na que os participantes contextualizan o espectáculo que van ver máis adiante-, a asistencia a un espectáculo escénico contemporáneo e un coloquio posterior cos axentes creativos do espectáculo. Os espectáculos e os encontros cos creadores teñen lugar na Sala Nasa.

Con este formato, o obradoiro preséntase como unha actividade que facilita a aprendizaxe e comprensión dos códigos das artes escénicas a través do coñecemento e análise das obras propostas. Dálle aos afeccionados a posibilidade de encontrarse cos creadores e reflexionar acerca de diferentes aspectos do teatro actual: técnicas, estilos, escolas, grupos, actores, directores, autores, temáticas, etc.

As edicións xa celebradas amosaron que o Obradoiro do Espectador resultou moi satisfactorio dende un punto de vista intelectual e relacional, como unha oportunidade de encontro e intercambio para adquirir novos coñecementos culturais. O obradoiro está conseguindo crear redes de afeccionados ás artes escénicas en torno aos centros socioculturais, a Sala Nasa e o teatro.

Dende finais de xaneiro
A primeira das obras que será obxecto dun destes obradoiros en 2010 será Rewind, unha proposta de teatro e danza interpretada por Borja Fernández e dirixida por Uxía P. Vaello. Con 200 quilos de cartón recréase un ambiente ficticio froito da transformación dos recordos da infancia e da distorsión da realidade do protagonista. A representación terá lugar o 30 de xaneiro, e ao finalizar os participantes poderán compartir as súas inquietudes nun coloquio cos creadores. Tres días antes celebrarase no CSC O Ensanche a sesión teórica que os dotará de ferramentas para un maior afondamento na obra.

A segunda das obras sobre as que se traballará é Z, que chegará á Sala Nasa o 26 de febreiro. Trátase da cuarta creación de Sergi Fäustino, na que aborda temas como a inutilidade, os tópicos e os zombies, dentro da filosofía das series B, pero en teatro. Unha peza sorprendente cunha estética gore, sobre a que reflexionarán os espectadores do obradoiro o mércores anterior, 24 de febreiro, no CSC de Fontiñas.

Por último, o 12 de marzo será a quenda da nova obra de Berrobambán, Pressing catch. A compañía galega fai nesta ocasión teatro para adultos a partir do espectáculo do "pressing catch", tomando algunhas das súas convencións para falar da era do medo, que o abarca todo. Previamente, os interesados poderán tomar contacto con esta proposta o mércores 10 de marzo no CSC de Vite.

Inscrición
A inscrición para estes obradoiros está aberta ata un día antes do inicio de cada obradoiro, ou ata que se completen as prazas dispoñibles. Pode facerse nos centros socioculturais e na Sala Nasa. A participación en cada un destes obradoiros ten un prezo de 8 euros, que inclúe a entrada para a representación na Nasa. Para os "tripulantes" da Sala ten un prezo de 3 euros. Máis información no CSXM O Ensanche (981 543 001 ) e na Sala Nasa (981 573 998).

Documentos relacionados



Compartir: