CULTURA

Sumrrá celebra en Sons da Diversidade dez anos na elite do jazz de vangarda

19/01/2010 O ciclo Sons da Diversidade, organizado pola concellaría de Cultura, celebra o sábado 23 de xaneiro o terceiro concerto da temporada 2009-2010. O Auditorio de Galicia acolle ás 21:00 horas a actuación de Sumrrá, un trío galego que practica o jazz máis innovador. Presenta o seu cuarto disco, no que volven apostar por un son de vangarda, cheo de forza e dramatismo. O prezo da entrada é de 15 euros, con descontos do 50% para menores de 25 anos e persoas xubiladas.

Sumrrá celebra o seu décimo aniversario coa presentación de 4.0, gravado na sala Nasa e co que volven apostar polo son acústico, espido e cru. Con este novo traballo, o trío composto por Xacobe Martínez Antelo (contrabaixo), Manuel Gutiérrez (piano) e LAR Legido (batería) dá un paso máis na súa proposta artística, que parte do jazz europeo e vangardista e que toma elementos doutros xéneros como o pop, o rock ou o folk, para poñelos ao servizo da improvisación e do xogo.

Recoñecido pola prensa especializada como o trío máis innovador da escena jazzística de España, Sumrrá une ideas e virtuosismo nunha celebración da música verdadeira, orixinal e libre. Unha proposta sinxela e honesta, chea de talento, de entusiasmo, de sinceridade e de grandes complicidades. Jazz de vangarda cheo de forza e dramatismo ao que non lle faltan nin a dose xusta de técnica, nin o lirismo, nin o swing. O seu directo é o resultado dun traballo esixente e comprometido dun trío de fondas convicións artísticas. Un grupo cuxa frescura non disimula o alto nivel de composición dos seus integrantes, tres dos músicos que marcan os vieiros do jazz en Galicia.

Sumrrá apóiase na naturalidade, na sobriedade e na solemnidade para conquistar o público co seu jazz contemporáneo. Unha proposta que só pretende ser boa música feita por tres bos músicos e que, ao facelo, excede os límites do jazz e da música improvisada e posibilita unha comunicación xenuína e directa co espectador.

As entradas poden mercarse en www.caixagalicia.es e no 902 434 443 ata 24 horas antes do concerto. Ademais, tamén poden adquirirse no propio despacho de billetes do Auditorio de Galicia durante a véspera e o propio día do concerto, de 12:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 horas ou tamén chamando por teléfono ao Auditorio, baixo a forma de pago por tarxeta e podendo ser recollidas ata media hora antes do comezo do concerto.

Direcciones relacionadas



Compartir: