XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno adscribe a TUSSA as parcelas para o novo aparcadoiro en superficie de Santa Marta

19/01/2010 A Xunta de Goberno cumpriu cun dos últimos trámites para permitir a posta en funcionamento dun aparcadoiro de bordo en superficie no SUP-6 de Santa Marta: a adscrición á Sociedade Municipal de Xestión do Transporte Urbano (TUSSA) das parcelas destinada a tal fin. A cesión é temporal por un período de catro anos, prorrogables por dous máis.

Esta superficie de 12.000 metros cadrados acondicionarase para convertela nun aparcadoiro de bordo para máis de 400 prazas. O estacionamento estará conectado coas rúas Feliciano Barrera Fernández, Julia Minguillón e As Trece Rosas.

O seu acceso dende a N-550 e a estrada de Noia, sen ter que entrar no centro da cidade, contribuirá a diminuír a saturación de tráfico. A súa proximidade ao centro permitirá que calquera poida acceder ao mesmo a pé en 15 minutos. Pero ademais, daranlle servizo a esta bolsa de estacionamento catro liñas do transporte urbano: liña 1 (polígono do Tambre – Hospital Clínico), liña 2 (estación de autobuses – Rocha Vella), liña C2 (estación de autobuses – Fontiñas – hospitais – Vite – estación de autobuses) e liña C4 (estación de autobuses – Vite – hospitais – Fontiñas – estación de autobuses).

Este aparcadoiro vixiado funcionará dende as 7:30 ás 22:30 horas, de luns a venres laborables, e os sábados laborables dende as 7:30 ás 14:30 horas. Por unha tarifa xeral de 1,50 euros, o usuario poderá deixar o vehículo durante toda a xornada. Non obstante, TUSSA establecerá políticas de fidelización que permitirán custos por debaixo desta tarifa. Instalarase unha caseta e o acceso dos vehículos estará regulado por unha barreira automática. O investimento inicial será de 278.000 euros.

Doazón para Haití
Por outra parte, e a proposta da Concellería de Benestar, acordouse achegar ás ONG Cruz Vermella e Unicef a cantidade de 8.000 euros (50% a cada entidade). Esta cantidade é unha colaboración ante a situación de emerxencia humanitaria en Haití e para facer fronte á axuda máis inmediata: auga e alimentos, saúde e aloxamento de emerxencia.

Redes de saneamento e abastecemento
Na reunión do Goberno local tamén se deu conta do convenio de colaboración da Deputación da Coruña co Concello para financiar as obras incluídas no proxecto de ampliación e substitución da rede de saneamento e abastecemento de varias parroquias. En concreto, as obras afectadas son ás de ampliación da rede de saneamento na rúa de Muros (Villestro) e de ampliación das redes de abastecemento en Reibó (Laraño), na rúa das Pedreiras e na rúa do Beado (Rocha Vella). A Deputación achega un total de 143.103 euros, o 80% da cantidade global.

Ordenanza da ORA
Finalmente, deuse conta das alegacións presentadas contra a Ordenanza do sistema de ordenación e regulación do servizo da ORA e aparcamento de residentes. Incluídas algunhas delas, aprobouse o proxecto definitivo da norma e a súa remisión ao Pleno.

Documentos relacionados



Compartir: