PARTICIPACIÓN CIDADÁ

Participación Cidadá inaugura a mostra "Os composteláns imos de voda"

18/01/2010 A Concellaría de Participación Cidadá convida a todas e todos á exposición fotográfica Os composteláns imos de voda, que se inaugurará na Casa das Asociacións o martes 19 de xaneiro ás 20:00 horas. A mostra permanecerá aberta ata o 6 de febreiro.

Dende Participación Cidadá decidiuse organizar esta mostra coas vodas como tema por ser estes un dos rituais colectivos nos que o público e o privado se funden para revelar a construción de cidadanía e os modos de relación. Cada voda é única e particular e as súas fotos son instantáneas nas que se rememoran xestos felices, personaxes ausentes ou o paso do tempo en modas ou lugares.

Nas fotos desta mostra poderanse ver diferentes escenas matizadas segundo as normas sociais ou costumes da época na que foron captadas: vodas tradicionais ou innovadoras, en salóns ou en xardíns, na cidade ou na aldea, cerimonias relixiosas ou civís, de aristocrática elegancia ou coa sinxeleza do cotián.

En Os composteláns imos de voda, ademais das fotografías de tres fotógrafos novos profesionais, Alberto Uzal, Suso Rivas e Adolfo Enríquez, poderanse apreciar distintas fotos enviadas por cidadáns, nunha aposta pola dimensión lúdica e participativa desta mostra, converténdoa tamén nun punto de encontro e relación.

A Casa das Asociacións, na avenida de Vilagarcia, 43 (antiga estación de Cornes), ten o seguinte horario: mañás, de luns a venres de 9:00 a 14:00 horas; tardes, de martes a venres de 16:30 a 21:30 horas; e sábados, de 10:00 a 14:00 e de 16:30 a 21:30 horas.

Compartir: