HOMENAXE

O Centro Sociocultural do Castiñeiriño adopta o nome de Agustín Bueno

16/01/2010 O Centro Sociocultural do Castiñeiriño acolleu unha sentida homenaxe a Agustín Bueno. Dende agora este centro veciñal leva o seu nome, tal como reza na placa conmemorativa que se descubriu esta tarde.

O alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, presidiu a homenaxe a este exemplar veciño, finado a comezos do ano 2009 á idade de 78 anos. Alí estiveron tamén a concelleira de Cultura e Centros Socioculturais, Socorro García Conde, e a viúva de Agustín Bueno, Carmela Capeáns.

Todos lembraron con admiración a este home, Premio Vagalume en 2005 en recoñecemento ao seu labor social. Agustín Bueno, aparellador e profesor de FP, fundou e presidiu durante varios anos a Asociación de Veciños do Castiñeiriño. A el se debe tamén a creación da Escola Infantil Raiola no barrio e a redacción dun plan de prevención da violencia xuvenil.

Nado en Ourense, chegara ao Castiñeiriño a finais dos 60. Involucrado profundamente na vida do barrio, tamén se implicou no movemento asociativo da cidade. Mostra disto foi a creación dunha asociación de apoio aos drogodependentes en colaboración coa asociación de Vite e con outras entidades. A sua visión progresista da igrexa como católico plasmouse á súa vez na súa pertenza á Coordenadora de Crentes Galegos. Xunto coa súa muller, Carmela Capeáns, tamén traballou na Asociación Irimia, e colaboraba co Seminario Galego de Educación para a Paz.. E mostra da súa entrega permanente aos demais, Agustín Bueno doou o seu corpo á Facultade de Medicina da Universidade de Santiago.

Compartir: