EMPREGO

Máis de 200 persoas participaron nas accións do Plan de Formación 2009

15/01/2010 Un total de 237 persoas beneficiouse das 26 accións formativas gratuítas (13 presenciais e 13 por teleformación) desenvolvidas pola Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo a través do Plan de formación e mellora de competitividade para os sectores industrial, da construción, e do comercio e a hostalería. Plan de Formación 2009.

Cun orzamento de 122.253 euros, a Concellería de Promoción Económica deseñou este plan formativo tendo en conta a difícil conxuntura económica actual, co obxectivo de que as persoas beneficiarias aumentasen a súa capacitación profesional. Pretendíase que melloraran as súas habilidades ou adquiriran novos coñecementos para ampliar as súas expectativas de inserción laboral, mellorando así a calidade dos recursos humanos dos que dispoñen as empresas e, polo tanto, a competitividade das mesmas.

Para as 425 prazas ofertadas, que se incrementaron a 430 para dar resposta a demanda formativa, presentáronse 968 solicitudes. Unha mesma persoa podía, en función das súas necesidades de formación, participar en máis dun curso (como así sucedeu), sempre que cumprira os requisitos especificados nas bases.

Cursos de teleformación
136 persoas participaron nos 13 cursos do Plan de Formación 2009 impartidos en agosto e setembro por internet a través da Plataforma de formación Máiscompostela. Recibíronse 637 solicitudes de inscrición, xa que unha mesma persoa podía apuntarse en varios cursos; para cubrir 195 prazas que aumentaron posteriormente a 200 para dar unha resposta máis equitativa á demanda xerada.

Cursos destinados ao sector da construción
A través do Plan de Formación 2009 desenvolvéronse 12 cursos destinados ao sector da construción, todos eles presenciais. Para estes 12 cursos, que contaban con 180 prazas, e nos que participaron 75 persoas (a maioría cursaron máis de unha especialidade) recibíronse 381 solicitudes de inscrición.

Curso de inglés para a atención de persoas estranxeiras
26 persoas relacionadas co sector comercial e hostaleiro remataron o Curso de inglés para a atención de persoas estranxeiras. Cada persoa que accedeu ao curso recibiu formación personalizada e adaptada ao seu propio negocio (con vocabulario específico), evitando os problemas que normalmente limitan a participación do comercio en actividades formativas: a incompatibilidade co horario comercial e a falta de adaptación á realidade concreta do sector.

Compartir: