CULTURA

Ultreia presenta ao público o seu novo disco no Teatro Principal

15/01/2010 Como resultado dun minucioso traballo de investigación e compilación de temas tradicionais galegos xorde Ultreia!!!, o último disco da agrupación que leva o mesmo nome e que se presentou no Concello da man da concelleira de Cultura e Centros Socioculturais, Socorro García Conde, e dun dos integrantes do grupo, Emilio Lois. O grupo dará a coñecer este, o seu terceiro disco, ao público compostelán no Teatro Principal a partir das 21:00 horas do sábado 16.

"Levando a cabo un traballo moi rigoroso de recollida e preservación da nosa cultura", sae á luz o terceiro disco de Ultreia, explicou a concelleira, quen comentou como os labores de busca destes temas achegaron ao grupo ata espazos de influencia cultural galega como a zona occidental de Asturias, Zamora, Norte de Portugal ou o Bierzo. Pola súa parte, Emilio Lois quixo salientar que no disco se fai un percorrido por tres rutas distintas do Camiño de Santiago, cada unha delas permite ao ouvinte "escoitar as músicas que se fan por cada un dos camiños". E é que o título escollido para este traballo, Ultreia!!!, "é moi acaído para o 2010, Ano Xacobeo, xa que era o saúdo que se daban os peregrinos ao cruzarse no camiño para darse ánimos", comentou Socorro García.

Os temas compilados "son músicas sen ningún tipo de arranxos, porque para nós a mellor maneira de conservar a nosa música é transmitila o máis fielmente posible" comentou o integrante de Ultreia, que aproveitou para agradecer á Concellaría de Cultura e ao proxecto Ronsel a súa colaboración para preservar a música e a cultura tradicionais galegas.

Ultreia para o público
Para Socorro García Conde, este traballo musical reflicte "a nosa riqueza folclórica e a nosa creatividade como pobo" e Ultreia terá a oportunidade de dalo a coñecer ao público no Teatro Principal. Así mesmo, durante a presentación do disco amosaranse "algúns dos bailes dos lugares onde se recolleron as músicas", adiantou Emilio Lois.

Co obxectivo de achegar a cultura tradicional galega aos mozos, o Auditorio de Galicia incluíu no seu ciclo didáctico un obradoiro dirixido por Ultreia a través do cal o grupo pretende dar a coñecer entre os rapaces os instrumentos tradicionais e os temas compilados ao longo da xeografía galega e alén das nosas fronteiras.

Con case 20 anos de historia
Ultreia!!! é o regreso deste grupo tras editar Andando Camiño e Eiquí...Acolá..., un regreso esperado da agrupación que leva dezasete anos de traxectoria musical como "embaixadores no mundo da forza creativa do noso pobo", subliñou Socorro García ao indicar as numerosas xiras que os levaron xa por Europa ou Xapón.

Ultreia xorde dunha asociación Obradoiro de Cultura Tradicional que naceu xa a comezos de 1993 coma un colectivo interesado na recuperación da música, instrumentos, traxes e danzas tradicionais galegas. Ata o momento tiveron a oportunidade de compilar máis de vinte danzas de diferentes zonas, uns quince vestiarios diferentes e un sen número de pezas instrumentais e cantadas, así como numerosos instrumentos hoxe xa practicamente extintos e descoñecidos para o público.

O Obradoiro de Cultura Tradicional Ultreia está dividido en dúas seccións, un grupo de músicos e pandereteiras, e un grupo de baile. O grupo de instrumentistas ensina ao longo das súas actuacións un abano moi amplo de formacións instrumentais tradicionais galegas como a dos requinteiros propios da zona do Ulla ou as denominadas 'treboadas' propias do Baixo Miño. O grupo de cantareiras mergulla ao público na parte feminina do folclore galego interpretando pezas recollidas desde o norte de Lugo ata as zonas limítrofes co Douro en Portugal, pasando polo occidente de Asturias e León. E o grupo de baile, integrado por uns trinta bailaríns, exhibe ademais das numerosas muiñeiras e xotas case desaparecidas, pezas recuperadas do esquecemento como a Muiñeira Vella da zona de Bergantiños, o Vira e a Cana verde do sudoeste da provincia de Ourense, a Regueifa da Costa da Morte ou mesmo o baile ao son do rabel da Alta Sanabria ou as muiñeiras acompañadas de violíns ou frautas das montañas luguesas da Fonsagrada.

Compartir: