ALCALDÍA

O alcalde felicita a Roxelio Groba no seu 80 aniversario

14/01/2010 Con motivo do 80 cumpreanos do compositor galego Roxelio Groba, a Real Filharmonía de Galicia estreou no Auditorio a peza Concerto no Lameiro. Ao concerto acudiu o alcalde, que felicitou a Groba pola súa brillante e recoñecida traxectoria musical e agradeceu o seu empeño en elevar o nivel musical do país.

Roxelio Groba é compositor, director e pedagogo, e ten composto ao redor de 300 obras de diferentes xéneros. Durante 23 anos foi director da orquestra municipal da Coruña, onde tamén foi profesor do Conservatorio e fundou a súa orquestra. Tamén fundou a Orquestra de Cámara Municipal da Coruña. Compre destacar o disco gravado coa Orquestra de Cámara de Stuttgart baixo a dirección de Maximino Zumalave e que inclúe a cantata Cantigas de Mar e a suite barroca Intres Boleses. Tamén destacan os discos nos que participou a Sinfónica de Londres, gravados nos estudos Abbey Road da capital británica, entre eles o doble CD dirixido por el mesmo, da Gran Cantata Xacobea co coro London Voices. Groba é tamén o autor do primeiro réquiem en galego, Samaín. Réquien galego, que colle o seu nome dunha das catro festas anuais celtas, que é a que se celebra en novembro, coincidindo co día de defuntos.

O compositor de Pontareas ten dende hai moitos anos unha estreita relación coa nosa cidade. Participou como docente en diferentes edicións do curso Música en Compostela, o programa de formación musical que se celebra desde hai máis de medio século en Santiago. A Real Filharmonía de Galicia xa aproveitara as súas partituras para pechar a 52 edición deste encontro celebrado o pasado agosto.

O Concerto no Lameiro estreado esta noite foi composto por Groba en 2004 para orquestra e frauta solista. O Lameiro é un lugar pertencente a Groba, na parroquia de Guláns, Ponteareas. Nese lugar foi onde o compositor viviu a súa infancia e onde descubriu a música da man da banda local. O frautista de orixe venezolana Luis Julio Toro foi o encargado de interpretar a peza xunto á formación orquestral. O director da Orquestra de Córdoba, Manuel Hernández Silva actuou como director convidado.

Compartir: