TURISMO

O Fórum Santiago 2010 acolle o III Encontro de Bloggers Gastronómicos

14/01/2010 Sempre apostando polas novas tecnoloxías, os bloggers gastronómicos contarán cun espazo propio no Fórum, o eFórum, no que amosar os seus coñecementos e experiencias e debater sobre a blogosfera.

O Fórum Gastronómico Santiago 2008 foi o primeiro en prestar atención á internet gastronómica e o mundo dos bloggers, que hai dous anos comezaban a gañar en influencia e visibilidade coma canle de información. Por iso, en 2008 celebrouse no marco do Fórum Santiago o I Encontro de Bloggers Gastronómicos, no que tivo lugar a aprobación do "Código Cociña", unha declaración de boas prácticas que conta xa con case 300 blogs adscritos.

O III Encontro celebrarase o luns 22 de febreiro no Recinto Feiral de Amio, e incluirá diversas sesións de traballo e charlas sobre os diferentes xeitos de entender a comunicación sobre gastronomía en internet. O eFórum converterase así no espazo no que os escritores e editores de blogs gastronómicos poidan intercambiar e compartir experiencias.

Os bloggers interesados en participar deberán acreditar a autoría dun blog gastronómico e formalizar a inscrición a través da páxina web www.forumsantiago.com. A participación no eFórum permitiralles acceder ao recinto e a todas as sesións que teñan lugar no Auditorio, mentres que só poderán acceder as demais salas se quedan prazas vacantes.

O Fórum Gastronómico Santiago 2010 é un evento promovido polo Concello de Santiago, a Asociación Hostalería Compostela e a Cámara de Comercio, e organizado por Turismo de Santiago e Pep Palau, von Arend & Associats. Os seus patrocinadores institucionais son a Consellería do Medio Rural e a Consellería do Mar da Xunta de Galicia, Turgalicia, a Deputación da Coruña e o Consorcio de Santiago. Como patrocinadores privados conta con Estrella Galicia, Cabreiroá, El Corte Inglés, Paradores, Rosareiro e Angelo Po.

Compartir: