ALCALDÍA

O intendente de Montevideo asina no Libro de Honra do Ano Santo

13/01/2010 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, recibiu en Raxoi o intendente de Montevideo (Uruguai), Ricardo Ehrlich, quen asinou no Libro de Honra do Ano Santo. Antes, os dous alcaldes visitaron a Cidade da Cultura.

Ricardo Ehrlich recollera o día anterior o Premio Santiago de Compostela de Cooperación Urbana polo proxecto "Muralla Abierta", da Cidade Vella de Montevideo. Esta vez, visitou o Concello dunha cidade que el mesmo cualificou como "emblema da cidade de encontro". O alcalde compostelán convidouno a asinar no Libro de Honra do Ano Santo.

Pola mañá fixeran un percorrido pola Cidade da Cultura, que permitiu aos dous alcaldes comprobar a evolución das obras dun complexo que, entre outros obxectivos, quere servir de nexo de unión cultural entre Galicia e Iberoamérica.

Antes de desprazarse ao complexo cultural, o intendente de Montevideo visitou tamén a sede do Consorcio de Santiago na rúa do Vilar, onde asinou no Libro de Honra.

Compartir: