DEPORTES

Comeza unha nova campaña escolar de iniciación á patinaxe sobre xeo

12/01/2010 Por terceiro ano, a Concellería de Deportes, en colaboración coa empresa XADE, pon en marcha a Campaña escolar de iniciación á patinaxe sobre xeo. Esta iniciativa, totalmente de balde, busca achegar aos colexios e institutos da nosa cidade unha actividade de lecer e enriquecemento para os seus alumnos e alumnas.

A pista de xeo situada nas instalacións do Recinto Feiral de Amio dará acollida nesta campaña a preto de 600 alumnos/as que cursan estudos comprendidos entre o 3º ciclo de Primaria e o Bacharelato. Todos eles asistirán en horario de mañá, dende o martes 12 de xaneiro ata o venres 15, en tres quendas distintas: 10:00, 11:15 e 12:30 horas, previa reserva feita polo centro educativo no Departamento de Deportes do Concello. Traballaranse diferentes contidos prácticos orientados á patinaxe sobre xeo: exercicios de equilibrio e deslizamento, exercicios da técnica básica de patinaxe, freadas e xogos aplicados impartidos polo persoal técnico da pista de xeo.

A inauguración desta campaña correu a cargo do Instituto de Sar e o CEIP de Roxos. Seguiranlles nos seguintes días: CEIP Quiroga Palacios, Colexio San Xosé de Cluny, CEIP Ramón Cabanillas, CEIP Vite I, Colexio de Xordos Manuel López Navalón, IES Xelmírez II, IES Xelmírez I, IES Antón Fraguas e o Colexio San Francisco Javier.

A Concellería de Deportes enviará aos colexios enquisas para valorar o servizo prestado e así poder mellorar a oferta en campañas vindeiras.

Máis información no Departamento de Deportes: 981 528 730

Compartir: