XUNTA DE GOBERNO

Adxudicado o Servizo de Axuda no Fogar

12/01/2010 A Xunta de Goberno adxudicou provisionalmente o Servizo de Axuda no Fogar. O importe a pagar polo Concello á empresa adxudicataria será de 12 euros/hora máis IVE para servizos prestados en xornada laboral de luns a sábado, e 13 euros/hora máis IVE para os servizos prestados en domingos e festivos.

O Servizo de Axuda no Fogar ofrece a prestación dunha serie de atencións aos cidadáns no seu propio domicilio naquelas situacións nas que teñan limitada a súa autonomía persoal ou nos casos de desintegración familiar. Os seus principais destinatarios son menores, persoas enfermas física ou mentalmente, persoas con discapacidade, colectivos específicos, familias que presenten disfuncións e persoas maiores con algún tipo de dependencia.

Entre os principais obxectivos do programa están: facilitar a autonomía persoal do usuario, posibilitar a súa permanencia no seu medio habitual, previr e retrasar o seu ingreso en centros residencias, mellorar a súa calidade de vida e posibilitar a mellora de situacións familiares problemáticas ou de alto risco.

Este Servizo está regulado pola súa propia ordenanza, que describe a tipoloxía das atencións e establece os dereitos e deberes das persoas usuarias. Ademais, marca as modalidades de acceso ao servizo, fixando os requisitos para o outorgamento ou denegación das axudas e os procedementos de coordinación e seguimento para facelas efectivas. Tamén se fixa o réxime económico, os baremos para a determinación dos importes concedidos e os modelos de solicitude.

Compartir: