CULTURA

Vivica Genaux clausura "Todo Lírica"

05/01/2010 O xoves 7 de xaneiro remata unha exitosa edición de Todo Lírica. IX Festival de Zarzuela de Santiago. A encargada desta clausura será Vivica Genaux, mezzosoprano nada en Alaska que regresa a Galicia tras os seus triunfos nas actuacións hai catro anos no Festival de Música Cidade de Lugo (recital que supuxo o seu debut en España) e na edición 2007 do Festival Via Stellae.

Este concerto suporá unha magnífica oportunidade para gozar cunha sobresaínte artista que reúne tanto beleza vocal como extraordinaria técnica e madurez interpretativa. O variado, amplo e esixente programa seleccionado para este concerto inclúe unha interesante selección de cancións (pezas pouco coñecidas de Federico Ricci, Fermín Álvarez Mediavilla, Manuel García e Pauline Viardot), a dramática cantata rossiniana Giovanna d’Arco e coñecidas romanzas de zarzuela (o zapateado de La Tempranica, de Giménez, ou o tanguillo da Menegilda de La Gran Vía, de Chueca) e arias de ópera (La Cenerentola, de Rossini).

Como unha das grandes estrelas da lírica dos nosos días, Vivica Genaux está acostumada a colleitar éxitos nos principais escenarios de todo o mundo e é considerada como unha das principais intérpretes no repertorio barroco e no bel canto. Nesta ocasión, estará acompañada polo pianista andaluz Carlos de Aragón.

As entradas soltas poden adquirirse ao prezo de 6 euros no despacho de billetes do Teatro Principal o mesmo día do concerto.

Compartir: