FACENDA

O Concello baixa as retribucións dos altos cargos nun 3% para este exercicio

05/01/2010 Na Xunta de Goberno deuse conta do Decreto de Prórroga do Orzamento para o ano 2010 da Concellería de Facenda. Tal e como establece a Lei de Facendas Locais, ao iniciarse o exercicio económico sen entrar en vigor o novo orzamento considérase automaticamente prorrogado o orzamento do exercicio anterior ata a entrada en vigor do novo orzamento.

A concelleira de Facenda, Rosa Fernández Somoza, explicou que orzamento total prorrogado ascende a 89,6 millóns de euros, o que supón un 77,30% sobre o presuposto aprobado do ano 2009. A esta cifra hai que engadirlle o volume de investimento que está en execución neste momento, así como o derivado das novas obras do plan FIL que se iniciarán no primeiro trimestre do ano. O investimento con orzamento definitivo en termos reais ascendeu no ano 2009 a 63,8 millóns de euros.

Tendo en conta as consecuencias que para o orzamento do Concello se deducen da actual situación de crise económica, coa conseguinte redución das transferencias e ingresos, declárase cautelarmente a non dispoñibilidade dos seguintes créditos:

No gasto corrente:

• Unha redución do Capítulo I por mor da baixada das retribucións dos altos cargos nun 3%.

• Unha retención cautelar do 25% de todo o gasto voluntario con carácter xeral, no Capítulo II.

• Unha redución cautelar do 30% nos gastos de protocolo, relacións públicas, publicidade, e comunicación.

• Un reaxuste nas liñas de subvencións do Concello que suporán unha redución cautelar do 6,55%. A redución aplicarase con carácter xeral ás subvencións non nominativas.

A minoración, que supón un total de 3,55 millóns de euros, é por capítulos a seguinte:

• Capítulo I: 0,93%
• Capítulo II: 7,96%
• Capítulo IV: 6,55%

Polo tanto, cautelarmente, o orzamento dispoñible para o primeiro trimestre de 2010 será de 86.025.280,36 euros, que supón un 74,23% do presuposto do ano 2009, ao que hai que engadir a obra en execución (convenio de travesías, de espazos públicos e casco histórico, obras dos fondos FIL, ludoteca de Fontiñas, escola infantil de Tras Parlamento, reforma e mantemento de vías públicas, etc.).

Cómpre recordar que o Decreto de Prórroga formúlase dentro das limitacións que establece a normativa vixente relativas ás modificacións de crédito e aos créditos e programas que deban concluír no exercicio anterior ou estean financiados con crédito ou outros ingresos específicos ou afectados que foran a percibirse en dito exercicio.

Compartir: