ALCALDÍA

Núñez Feijóo ofrécelle ao alcalde a máxima colaboración para "acertar" no Ano Santo

30/12/2009 O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo realizou a tradicional Ofrenda Nacional ao Apóstolo Santiago coa que se conmemora a translación dos seus restos. O delegado rexio apelou na súa invocación ao papel do Apóstolo e de Santiago, como símbolos comúns de Galicia. Ademais, pediu ao Santo a súa protección para os miles de peregrinos que acudirán a Santiago en 2010, con motivo do Ano Santo.

Ás portas do Xacobeo 2010, Feijóo demandou ao Apóstolo a súa protección para os galegos. "Pido a túa axuda de apóstolo, que chegue a todos os galegos, españois, e se estenda a todo mundo, xerando o entendemento e maila paz", dixo. "Grazas a ti –engadiu- Galicia é de novo un centro, un principio e un destino. As súas xentes volven compartir con todo o mundo o tesouro que aquí chegou coa Translación que hoxe lembramos"

O presidente da Xunta reivindicou o papel espiritual do Camiño, recordando que "hai un Camiño espiritual moito máis longo que o xeográfico, sen límites no tempo ou no espazo, un Camiño que cómpre percorrer para que os homes de hoxe se atopen consigo mesmos". E ao final dese Camiño, Santiago. Nese sentido, apuntou que "durante moitos séculos, Santo Apóstolo, a túa Catedral e o teu sartego foron os grandes símbolos comúns de Galicia. Os galegos de lugares afastados, illados pola orografía, pensaban en Santiago para sentirse parte dun mesmo pobo. A túa presenza deulle corpo e espírito á nacente idea da galeguidade". Así, afirmou que os galegos ven na Catedral "o lar que dá a todos acubillo e un xermolo do que xa é unha Galicia forte, democrática e autogobernada".

Na súa intervención, o delegado rexio tivo palabras para os peregrinos: "Todos aqueles homes e mulleres que aquí mesturaban as súas nacionalidades e procedencias, posuían algo en común: movidos pola súa fe, buscaban en Ti consolo, esperanza e afianzar o vínculo que llos fixera partícipes dunha obra colectiva. É o mesmo que añora o peregrino do noso tempo".

Mirando cara o futuro, Núñez Feijóo reclamou "eses lazos capaces de anoar nunha enerxía común aos homes e mulleres diversas, convertido nun requisito imprescindible para afrontar os desafíos dos nosos tempos". Nese contexto, indicou que "a España que quere seguir avanzando ata chegar á madurez democrática, precisa afianzar unha unidade solidaria entre a súa rica diversidade de territorios".

Finalmente e lembrando a difícil situación económica, o presidente da Xunta indicou que a celebración do Ano Santo chega nun momento especialmente oportuno. "Como sucedeu noutras épocas da Historia, Galicia volve a ser un punto de referencia, quere ser un faro capaz de orientarnos en medio da penumbra, e ofrecernos, dende este templo, unha resposta ao home e á muller de hoxe", dixo.

O arcebispo compostelán, Julián Barrio, respondeu á invocación do delegado rexio coa súa homilía. Tras a celebración da misa, o delegado rexio dirixiuse ao Concello, onde asinou no Libro de Honra e realizou unha breve intervención no Salón Nobre.

Compromiso de colaboración
O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, sinalou que esta Ofrenda, ao igual que a do 25 de xullo, poñen de relevo "o compromiso da Monarquía con estas terras e con estas xentes, e viceversa". Por isto, transmitiu unha mensaxe de "afecto e lealdade" á Súa Maxestade O Rei.

Pola súa parte, o presidente da Xunta, manifestoulle ao alcalde o compromiso de "colaboración máxima" do Goberno galego para lograr o éxito dun Xacobeo 2010, no que "Galicia será o destino, sabendo que nese destino hai un centro que é Santiago". Así, expresou que "non hai máis obxectivo que acertar", en colaboración coa cidade, coas institucións eclesiásticas e co Goberno español.

Nesta Ofrenda da Traslación participaron, entre outros, ademais do presidente da Xunta e do alcalde compostelán, o delegado do Goberno en Galicia, Antón Louro; os membros da Corporación municipal e os conselleiros do Goberno galego, ademais doutras autoridades civís e militares.

Unha tradición de séculos
A cerimonia da Translación celébrase anualmente o 30 de decembro en recordo do traslado dos restos do Apóstolo Santiago desde o porto de Jaffa (Xerusalén) ata as costas galegas, onde foron desembarcados no peirao de Iria Flavia (Padrón). Segundo a tradición, a Raíña Lupa, soberana das terras, enviou tropas en persecución da comitiva apostólica, que foi salvada por un milagre que afogou aos perseguidores nas augas do río Tambre.

A Raíña Lupa quedou tan abraiada por este feito que ofreceu a súa axuda aos discípulos para que puideran soterrar os restos do Apóstolo, que son trasladados nun carro tirado por bois que ao azar buscan o lugar para o repouso do fillo de Zebedeo. Tras deterse (sempre segundo a lenda) na fonte da actual rúa do Franco, os bois continúan o seu camiño ata quedar inmóbiles no lugar que dende aquela se denomina Libredón (Liberum domum, regalo libre), onde é soterrado e pasa ao esquecemento o Apóstolo ata o seu posterior descubrimento no ano 813 por un eremita.

O rei Alfonso VI realizou no ano 1109 a primeira ofrenda da Translación, entregando unha ducia de talentos de ouro e outra de marcos de prata. En 1642, baixo o reinado de Felipe IV esta cerimonia institucionalízase con carácter definitivo. Desde entón actúa como oferente o Rei ou un delegado rexio.

Documentos relacionados



Compartir: