EIXO ATLÁNTICO

Bugallo reúnese cos máximos representantes de Obras Públicas de Portugal 24 horas antes do cumio ibérico de Évora

15/11/2005 O presidente do Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular e alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, reunirase co ministro das Obras Públicas, Transportes e Comunicacións, Mario Lino Soares Correia, e a secretaria de Estado dos Transportes, Ana Paula Vitorino, un día antes da celebración do Cumio Hispano-Luso previsto para o venres e sábado, 18 e 19 de novembro, na cidade portuguesa de Évora.

A reunión do presidente do Eixo Atlántico coa secretaria de Estado dos Transportes será ás 14.30 horas do xoves, 17 de novembro, na rúa de San Mamede (ao Caldas), número 21, Palacio do Conde Peñafiel de Lisboa, mentres que co ministro das Obras Públicas está programada ás 15.30 horas no mesmo lugar que a anterior.

O encontro conseguiuse "in extremis" antes da importante convocatoria de Évora, motivo polo cal os representantes dos 18 concellos que conforman o Eixo Atlántico cualifican de "moi positivo" que desde o Goberno portugués se acepte a reunión. Neste senso, os titulares do Eixo Atlántico estiveron implicados nunha semana de intensas xestións coas autoridades da Xunta de Galicia e do Goberno luso, orientadas principalmente a que se manteña o proxecto de alta velocidade que conecte Vigo con Porto. Reivindicación que asumiu o presidente do Goberno galego, Emilio Pérez Touriño, quen manifestou que enviaría un escrito ao presidente do Goberno, José Luis Rodríguez Zapatero, para que o asunto teña carácter prioritario no cumio de Évora.

O presidente do Eixo Atlántico e alcalde de Santiago, Sánchez Bugallo, acudirá á reunión coas autoridades portuguesas acompañado do vicepresidente da organización transfronteiriza, Antonio Magalhaes, que tamén é titular da cámara municipal de Guimaraes, e o secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao. Os principais representantes do Eixo Atlántico pretenden que a reunión sirva para que no Cumio Hispano-Lusa de Évora se teñan en conta as teses do Eixo Atlántico en materia de comunicación ferroviaria entre Galicia e o Norte de Portugal e, á vez, formen parte das decisións que se acorden na convocatoria do 18 e 19 de novembro.

Compartir: