CULTURA

A zarzuela, protagonista no terceiro concerto de Todo Lírica no Teatro Principal

29/12/2009 Continúan os concertos de Todo Lírica 2009, novena edición do ciclo de concertos anteriormente coñecido como Festival de Zarzuela de Santiago, que organizan a Concellaría e a Asociación Galega da Lírica. E no terceiro dos concertos, que será o mércores 30, chega o momento da zarzuela.

Os protagonistas deste concerto son dous novos cantantes vascos, a soprano Itziar de Unda e o tenor Mikeldi Atxalandabaso. Enchen o programa romanzas e dúos de Sorozábal, Guridi, Arrieta, Luna, Moreno Torroba, Vives e, como colofón, o famoso dúo de El gato montés, de Penella. Poderá escoitarse unha ampla e representativa selección do xénero zarzuelístico, que inclúe páxinas de zarzuelas tan coñecidas como La tabernera del puerto, El caserío, Marina, Doña Francisquita e El gato montés, xunto a outras menos difundidas como La pícara molinera, La marchenera, Monte Carmelo ou Jugar con fuego.

Tanto Itxiar de Unda (que debuta en Galicia) como Mikeldi Atxalandabaso (debut en Santiago) naceron en Bilbao e están a desenvolver unha seria e prometedora carreira que augura para ambos un futuro cheo de éxitos. No piano, ao igual que no anterior concerto, estará un habitual que non falta á súa cita co ciclo dende a primeira edición, o pianista vasco Rubén Fernández Aguirre.

As entradas soltas poden adquirirse ao prezo de 6 euros no despacho de billetes do Teatro Principal o mesmo día do concerto.

Compartir: