XUNTA DE GOBERNO

Adxudicadas definitivamente as obras do campo e costa do Cruceiro do Gaio e da rúa San Clemente

29/12/2009 A Xunta de Goberno municipal aprobou, entre outros asuntos, a adxudicación definitiva das obras de reurbanización do campo e costa do Cruceiro do Gaio e da rúa San Clemente, no segundo tramo da rúa Raxoi. Tamén se elevou a definitiva a adxudicación do servizo de actualización do Catastro.

As obras de reurbanización do campo e costa do Cruceiro do Gaio foran adxudicadas provisionalmente o 4 de decembro por un importe de 663.701 euros máis IVE. En canto á actuación na rúa San Clemente, o seu custo é de 675.000 euros máis IVE.

Outro dos asuntos ratificados polo Goberno local foi a adxudicación do servizo de actualización do Catastro sobre inmobles urbanos e inmobles rústicos con construcións. A adxudicataria ofrecera un importe por cada ben inmoble urbano ou para cada inmoble rústico con construcións existentes que se actualice na base de datos catastral de 38,75 euros máis IVE.

En materia de Circulación Viaria, deuse conta da sinatura dun convenio de colaboración entre os concellos de Santiago e Barcelona en materia de xestión de accidentes de circulación do Concello de Barcelona. Grazas ao mesmo, o Concello compostelán empregará o software integrado nesta materia do seu homónimo da Cidade Condal.

A proposta da concelleira de Benestar Social, deuse conta dunha axuda de 12.060 euros concedida pola Consellería de Traballo e Benestar Social para o desenvolvemento de programas de educación familiar.

Finalmente, en relación co proxecto básico e de execución das obras de reforma do aparcadoiro e os seus accesos no Auditorio de Galicia, aprobouse a realización das consultas oportunas co Consorcio para comprobar a súa disposición a asumir a realización dos traballos de asesoramento consistentes na valoración das ofertas presentadas a esta licitación.

Documentos relacionados



Compartir: