RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

Santiago participará activamente nos actos institucionais da Presidencia española da UE

28/12/2009 O Pleno municipal do mércores 30 debaterá unha moción na que se insta á participación da cidade nos diferentes actos institucionais con motivo da Presidencia Española da Unión Europea no primeiro semestre de 2010. O primeiro deses actos celebrarase o martes 5 de xaneiro na praza do Obradoiro.

O concelleiro de Relacións Institucionais, Andrés Fariña, presentou esta moción, na que se acorda "participar activamente en todos os actos institucionais promovidos polo Goberno de España e pola Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) que contribúan a un maior coñecemento da realidade e dos proxectos da Unión Europea, así como da importancia do Tratado de Lisboa".

Entre eses actos previstos, Fariña anunciou un para o martes 5 de xaneiro, na praza do Obradoiro, no que alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, pronunciará unha verbas relativas a esta Presidencia. Ademais, izarase a bandeira europea e farase unha solta de globos. Unhas bandeirolas en Xoán XXIII recordarán tamén o evento.

Outro punto da moción é o que fala de "articular actos relevantes e populares para a celebración do 9 de maio, Día de Europa, baixo a Presidencia de España". Nesta dirección, e no marco do proxecto Santiago-Une, recentemente aprobado pola UE, todos os socios do mesmo participarán activamente na celebración. O 7 de maio haberá unha peregrinación de 5 quilómetros, entrando en Compostela todas as cidades xuntas. O día 8 de maio está previsto dedicalo á xornada científica con destacados poñentes e expertos relacionados co proxecto. O 9 de maio celebrarase o Día de Europa con actividades culturais.

Promoción do Camiño en cidades europeas
Tamén no marco deste proxecto, anunciou o concelleiro que unha delegación da cidade, na que estará representando o tecido social, económico e cultural da cidade, viaxará a varias cidades europeas para potenciar o papel do Camiño de Santiago como promotor da identidade europea. Irase a cidades coas que Santiago xa está irmandada ou en vías de irmandarse, como Asís, Santiago do Caçem e Córdoba, e a outras coas que se mantén unha estreita colaboración, como Regensburg, Narni, Rennes, Estrasburgo ou Aquisgrán.

A moción tamén incide na potenciación da bandeira europea no municipio durante a Presidencia española da UE. Estas e outras iniciativas –recordou Fariña- inscríbense no marco do plan de acción conxunto para promover a participación cidadá nos concellos subscrito entre a Secretaría de Estado para a Unión Europea e a Federación Española de Municipios. Este plan fará visible "a dimensión rexional e local, recoñecida e plenamente integrada no Tratado de Lisboa, tratado no que está previsto un novo reparto de competencias entre os niveis europeo, nacional, rexional e local". Neste sentido, segundo indicou, "o documento de Lisboa outorga un papel activo ao Comité das Rexións, organismo consultivo integrado por representantes das autoridades rexionais e locais".

Compartir: