URBANISMO

EMUVISSA xestionará ata 2014 un total de 26 hectáreas de solo residencial para 2.200 vivendas protexidas

23/12/2009 O Consello de Administración de EMUVISSA, presidido polo alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, aprobou unha previsión de ingresos para 2010 de 13,8 millóns de euros. Estas contas forman parte dun marco plurianual de actuación ata 2014, período no que Empresa Municipal de Vivenda e Solo vai xestionar e urbanizar 26 hectáreas de solo residencial para 2.200 vivendas protexidas e 45 hectáreas de solo para usos empresariais. O investimento global previsto ata o 2014 é de 82 millóns de euros, á marxe doutras encomendas que poida encargar o Concello.

Para o ano 2010, a previsión de ingresos de 13,8 millóns de euros, dos cales case un 62% corresponderán ás ventas de terreos e un 30% ás xestións propias dos polígonos. No capítulo de gastos prodúcese unha redución ante a previsión de menores ingresos. Así, os salarios só se incrementan nun 0,3%, axustándose ao tope de incremento retributivo do persoal ao servizo do sector público, e os gastos xerais redúcense nun 23%.

As principais operacións a realizar no 2010 son a xestión do peche dos polígonos rematados; o remate da urbanización de polígonos en execución (Pontepedriña LI e Tras Paxonal); a continuación da urbanización dos polígonos en curso (Lamas de Abade, Castiñeiriño e A Muíña); o inicio da urbanización do solo empresarial. (Costa Vella 3 e Formarís), o inicio das actuacións de xestión de novas bolsas residenciais (A Pulleira); e o avance nas novas liñas de actuación en materia de rehabilitación (nova actuación do PET).

Solvencia e esforzo inversor
Estes plans de actuación e as contas de 2010 reflicten a solvencia de EMUVISSA, que segue a traballar a bo ritmo malia as dificultades no sector da construción no contexto de crise económica. Así, realízase un esforzo inversor importante nun período de austeridade que garante ter sempre unha bolsa de solo para facer fronte á demanda de vivenda social protexida (549 vivendas), e continuar a preparación de solo residencial e empresarial para poder atender á demanda futura a curto e medio prazo.

Cómpre recordar que, no período 2001-2009, EMUVISSA urbanizou 696.523 metros cadrados de solo para usos residenciais e 395.644 metros cadrados de solo para usos empresariais. Estas actuacións supoñen para a cidade a construción de 4.483 novas vivendas, das cales un 62% son vivendas protexidas. Ademais, increméntanse as zonas verdes e equipamento público en 289.385 metros cadrados e engádense 213.542 metros cadrados de novo viario. Os investimentos directos da empresa nestas operacións elévase a máis de 63.362.170 euros, a unha media de 7 millóns por ano.

Outros asuntos
O Consello de Administración aprobou tamén o prego para aluguer do edificio da rúa do Medio nº 65, correspondente ao Programa de Edificios Tutelados, no que prima o aluguer aos mozos/as menores de 35 anos. Tamén se aprobou o prego para adxudicar a edificación de tres vivendas en Tras Paxonal para realoxados por importe de 557.000 euros e un prazo de execución dun ano.

Compartir: