ALCALDÍA

O alcalde compostelán, sorprendido polas descualificacións ante a cesión do edificio para o Centro de Recuperación Integral

23/12/2009 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, declarouse sorprendido por ter recibido "insultos e descualificacións, en vez de recoñecemento" pola cesión municipal do edificio da antiga Casa de Acollida, en San Lourenzo, para o futuro Centro de Recuperación Integral de Mulleres Vítimas de Violencia de Xénero. Con todo, declarouse disposto a revocar este acordo se a Xunta quere unha parcela para a construción dun edificio novo, malia ter manifestado o contrario.

Sánchez Bugallo remitiuse á conversa mantida por el mesmo e pola concelleira de Benestar Social, Mar Martín, coa secretaria xeral de Igualdade, Marta González, o pasado 9 de outubro. Na mesma, indicou, formuláronselle dúas posibilidades en relación ao futuro Centro Integral de Atención ás Mulleres: a dunha nova parcela para un edificio novo no Castiñeiriño, Conxo ou San Lázaro, ou a aceptación do edificio da antiga Casa da Acollida sen a parte da planta baixa de uso veciñal. "Preferiron quedarse coa parte dese edificio, porque a construción dun novo edificio suporíalles un maior custo que non podían afrontar", subliñou o alcalde.

Coñecida a postura autonómica, "pedímoslle que formalizaran esa proposta, e esta non se recibiu ata a pasada semana, e o martes aprobados en Xunta de Goberno a entrega á Xunta do edificio", dixo. "O que non é frecuente é que dúas horas despois, a secretaria xeral de Igualdade dea unha rolda de prensa da que en vez de agradecementos a cesión, saian descualificacións", engadiu.

Pese á contradición da representante autonómica, o alcalde manifestouse disposto a aceptar a súa demanda. "Se prefire a parcela, o martes 29 revocamos o acordo de cesión do edficio", sinalou o alcalde, que reiterou que o Concello houbera preferido dende sempre a cesión da parcela e non dun edificio "que nos fai falta para servizos do Concello".

Sánchez Bugallo lamentou a reacción da Xunta ante a cesión de balde dun edificio, cando "eles teñen 30.000 metros en Salgueiriños e en cinco anos non fixeron nada neles". Igualmente, afirmou, "recibiron do Concello dúas parcelas, unha en Fontiñas para un centro de día, e outra no Castiñeiriño para un centro de xóvenes, e dende hai dous anos non sabemos nada de ningún dos dous".

Negativa a un piso de acollida transitorio en Fontiñas
Preguntado polo peche da anterior Casa de Acollida, o alcalde lembrou que "foi unha decisión municipal". "Non tiña sentido que cunha ocupación do 20% e na que a maioría de usuarios non eran de Santiago, seguíramos mantendo un servizo que non é competencia municipal, senón supramunicipal", apuntou. Con todo, dixo, "ofrecémoslle transitoriamente á Xunta un piso para centro de acollida en Fontiñas, e non aceptaron".

Sobre a decisión dos veciños de San Lourenzo de manter o seu espazo no edificio, comentou a "negativa total ao traslado, pois eles consideran este espazo como propio". Neste sentido, dixo ter constatado que a postura de manter a situación do local social era bastante xeneralizada entre os veciños.

Compartir: