PROMOCIÓN ECONÓMICA

Trinta e cinco persoas condenadas por delitos leves poderán cumprir as penas con traballos en beneficio da comunidade

22/12/2009 A Xunta de Goberno Local aprobou a sinatura dun convenio entre o Concello de Santiago e a Secretaría Xeral de Institucións Penitenciarias, para o cumprimento de penas de traballo en beneficio da comunidade. A iniciativa ten como obxetivo mellorar as posiblidades de integración no mercado laboral das persoas condenadas por delitos de carácter leve e menos grave, co fin de que redunde nunha redución da reincidencia.

Desta iniciativa está previsto que se beneficien 35 persoas condenadas por algún delito que residan en Compostela. O Concello de Santiago ofertaría 10 postos de mantemento e limpeza, 10 de apoio en oficios varios, 7 en limpeza e mantemento de xardíns, 5 de apoio en programas de orientación e busca de emprego e 3 de administrativo.

A posta en marcha do servizo articularíase nas instalacions do Centro de Formación Ocupacional de Sanxuás de Aríns. A Concellaría de Promoción Económica e Emprego encargaríase da execución e coordinación do mesmo. O seu seguimento sería realizado por unha Comisión Mixta. Representando ao Concello estarían a concelleira de Servizos Sociais e o concelleiro de Promoción Económica e Emprego.

Os concellos que asinen o convenio con Institucións Penitenciarias comprométense a facilitar traballo ás persoas penadas que residan no propio termo municipal en actividades de distinta natureza. Os traballos en beneficio da comunidade subsituen ás penas privativas de liberdades. Son impostos polo xuíz, previo consentimento da persoa afectada, que ten a obriga de prestar a súa cooperación, non retribuída, en determinadas actividades de utilidade pública. Para quen os realiza teñen unha función reeducativa e socializadora, e para a sociedade unha finalidade construtiva.

Compartir: