CONSORCIO

Trinta e sete edificios da Cidade Histórica solicitaron axudas ao mantemento do programa "Ter é manter"

21/12/2009 A Oficina da Cidade Histórica e Rehabilitación de Santiago recibiu 37 solicitudes para o mantemento de edificios na Cidade Histórica, unha vez pechado o prazo o 12 de decembro. Cómpre lembrar que en setembro, o Concello e o Consorcio de Santiago, dentro das súas políticas de recuperación urbana, iniciaron unha nova liña de axudas aos cidadáns para o mantemento de edificacións. Baixo o lema Ter é manter, púxose en marcha o "Programa de axudas ao mantemento da envolvente exterior e dos elementos comúns interiores das edificacións da cidade histórica de Santiago de Compostela", cun orzamento de 200.000 euros nunha primeira fase.

As 37 solicitudes avalan o éxito do novo programa e o Consorcio de Santiago está estudando a apertura dunha nova convocatoria para o ano 2010. Neste sentido, prega aos novos interesados neste programa que accedan a información correspondente na Oficina Municipal da Cidade Histórica e de Rehabilitación, aberta nos baixos do Pazo de Vaamonde (Rúa do Vilar, nº 59. Teléfono: 981 542 419).

Pechado o prazo desta primeira convocatoria, agora corresponde aos técnicos do Consorcio a elaboración individualizada dos plans de mantemento para cada un dos solicitantes, así como o custo e a subvención correspondente para a execución das obras.

Este plan de mantemento vén sumarse as xa coñecidas axudas á rehabilitación de vivendas e locais comerciais, así como a aquelas destinadas a elementos singulares de madeira ou ao programa de edificios tutelados.

Ter é manter
Ter é manter é a nova liña de axudas pensadas para aqueles edificios do casco histórico que presenten un aceptable estado de conservación, para garantir neles os traballos necesarios de conservación. Así, o plan prevé a realización previa dun informe que marcará as diferentes actuacións a seguir durante 12 anos en cubertas, fachadas, galerías e carpintarías de madeira e elementos comúns, tales como escaleiras. Este novo programa quere facer fincapé na cultura do mantemento, clave para a conservación dunha cidade Patrimonio da Humanidade como é Santiago de Compostela.

A axuda é do 50 % do custo de execución das obras de mantemento e o 50% dos honorarios profesionais. Poden ser beneficiarios das axudas propietarios, arrendatarios ou titulares dalgún dereito de uso sobre o inmoble. O uso principal do edificio debe ser o de vivenda, estar dentro do ámbito do Plan Especial da Cidade Histórica, ter suficiente seguranza estrutural e estanquidade fronte á chuvia e unha antigüidade superior a 5 anos.

Compartir: