TURISMO

O Concello e a Deputación da Coruña trazan liñas de colaboración turística

21/12/2009 O concelleiro de Turismo, Xose Manuel Iglesias, reuniuse co vicepresidente da Deputación da Coruña e responsable de Turismo, Pablo Villamar, e cos xerentes dos plans de dinamización turística de Ferrol-Ortegal, Costa da Morte e Terras do Ulla-Tambre, e empresarios do sector. O obxectivo deste encontro era establecer liñas de colaboración en materia de promoción turística.

Na rolda de prensa posterior ao encontro, o concelleiro de Promoción Económica e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, apuntou que esta colaboración se basea en dúas realidades complementarias, "por unha banda Santiago de Compostela e o Camiño de Santiago son as marcas máis recoñecidas internacionalmente do noso país. Por outra banda, na provincia contamos con recursos de gran atractivo e potencialidade, que sen embargo non teñen ese coñecemento internacional que ten Santiago, pero que complementan a oferta da nosa cidade".

Nesta liña, Iglesias dixo que "de cara ao Ano Santo a estratexia máis correcta é aproveitar o tirón de Santiago e o Camiño, para a partires de aquí, unha vez coñecida a cidade, distribuír os fluxos turísticos cara outros destinos próximos, que melloren a satisfacción dos visitantes, ofrecéndolles posibilidades que non teñen na nosa cidade, por exemplo, turismo de natureza ou turismo de praias, etc".

Así, continuou o concelleiro, "promocionando a Santiago como marca paraugas, veranse beneficiados tanto Santiago como os outros destinos próximos pola forza da marca na que se engloban. Trátase de que as persoas que visitan Santiago teñan unha oferta complementaria para deste xeito aumentar a súa estadía media e os seus niveis de gasto no conxunto do país". Nesta mesma dirección se pronunciou o vicepresidente da Deputación: "Queremos aproveitar a gran marca do turismo de Galicia que é Santiago para que isto repercuta positivamente no turismo de Santiago e de toda a provincia".

As liñas de colaboración nas que se acordou traballar na reunión foron: comunicación, promoción, estratexia de produtos, comercialización e competitividade. A finais do mes de xaneiro terá lugar outra reunión técnica na que se concretarán as conclusións de cada destino, a partires das cales se establecerá un plan de traballo conxunto.

Xacobeo 2010
Preguntado polos xornalistas, Xosé Manuel Iglesias referiuse tamén ao recentemente presentado lema de promoción do Xacobeo 2010. Recordou que "xa foi de sobra criticado" e expresou o seu convencemento en que "inventos, canto menos mellor". Aínda que se amosou "absolutamente convencido de que nos dirixentes da Consellería de Cultura e Turismo non hai a intención de facelo mal", dixo "non ter moita fe" no futuro. Nese sentido, volveu a denunciar que "se lle expropie a Santiago de algo que de facto lle corresponde" como marca do Xacobeo. "Todo investimento que se realice en Santiago será a favor da marca e da imaxe coa que se quedarán os que nos visiten", afirmou.

Compartir: