ALCALDÍA

O Concello recoñece o posicionamento educativo e social de vangarda do Colexio Compañía de María

19/12/2009 O Colexio Compañía de María acolleu o acto de entrega a este centro escolar da Medalla de Ouro ao Mérito Cidadá, outorgada polo Pleno municipal o 26 de novembro. A distinción premia o traballo realizado por esta institución ao longo de 250 anos de presenza en Santiago.

Durante o acto de entrega da Medalla, o acalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo agradeceu á Compañía de María o seu "valioso labor" durante dous séculos e medio de ensinanza. Recordou que é o colexio máis antigo de Santiago e relatou brevemente a súa historia, comezada alá por 1759, poñendo especial énfase na defensa da muller que fixo a institución en tempos non precisamente doados. "Este posicionamento de vangarda e de estreito contacto coas necesidades reais da sociedade", en palabras do alcalde, materializouse tamén na chegada de profesores laicos ás aulas ou na incorporación do ensino mixto, entre outras medidas.

"O proxecto educativo da Compañía de María está baseado na comunicación e a mutua confianza e o seu obxectivo fundamental é formar persoas", afirmou. Neste punto, leu o parágrafo no que se describe o proxecto educativo do centro: "Un dos rasgos de maior transcendencia do Proxecto Educativo da Compañía de María constitúeo o entendemento da estreita relación que debe existir entre a experiencia de aprendizaxe e o ambiente socio – emocional no que ten lugar. É difícil aprender nun ambiente que non comunica seguridade, respecto, consistencia e apoio. Son estas condicións as que nos permiten indagar, experimentar, tomar decisións, interactuar con outros de maneira que resulten significativas para aprender. O ideal de colexio que nos propoñemos é aquel no que exista un bo clima de convivencia, no que todos nos sintamos persoas, antes que alumnos/as, profesores,…e no que primen a palabra e o diálogo como forma de solucionar os conflitos".

Lembrou Sánchez Bugallo que "a Compañía de María ten sido, e sigue sendo, o depositario da educación de gran parte dos cidadáns de Santiago e os seus arredores". Tamén tivo palabras de loubanza para "o gran labor social das monxas desta institución que fundaron escolas infantís no Castiñeiriño e San Lázaro; e que sempre colaboraron como voluntarias con entidades como Cáritas, Proxecto Home ou o Cottolengo mantendo durante moitos anos, practicamente en solitario, acendida a última chama de esperanza para as persoas sen recursos". "Compostela –concluíu- está orgullosa de contarvos entre os seus cidadáns".

Compartir: