ALCALDÍA

Nova imaxe de bulevar urbano para a rúa Londres, en Fontiñas

18/12/2009 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, inaugurou as obras de reurbanización da rúa Londres, en Fontiñas, financiadas polos Fondos de Inversión Local (FIL). Estas obra seguiu o modelo da xa reformada rúa Berlín, afectou a un tramo de 550 metros de lonxitude e supuxo un investimento de case 2,5 millóns de euros.

Con estas obras transformouse a rúa Londres nun bulevar urbano, afectando a unha superficie total de 15.314 metros cadrados. Remodelouse o firme de 5.220 metros de calzada, cunha anchura de 3,50 metros. Quedaron así dous carrís de circulación separados por unha illa central axardinada e iluminada.

A isto hai que engadir 1.349 metros cadrados de banda de aparcamento con anchuras de 2,50 e 3 metros. Despois da área de estacionamento estableceuse unha liña de arborado. A continuación desta situouse o carril bici –cunha anchura de 2 metros- e, separadas por sebes, as amplas beirarrúas, que ocupan 5.340 metros cadrados e tamén teñen nova iluminación e mobiliario.

Igualmente, aproveitouse para crear illas ecolóxicas soterradas de cinco contedores cada unha. En canto ao devandito arborado, son fundamentalmente tileiros, evitando os plataneiros, que ocasionaron problemas no pavimento en varias zonas de Fontiñas.

Tamén hai unha área de axardinamento mediana de 1.919 metros cadrados. A reurbanización completouse coa instalación de 23 bancos e 23 papeleiras e co alumeado público, baseado en columnas de dúas luminarias e en balizas para o carril bici e os pasos peonís.

Sobre un dos aspectos singulares da reforma, o monólito situado á altura da Escola Infantil foi substituído por unha fonte, xa que se intentan recuperar estes elementos que lle deron nome ao barrio.

Compartir: