ALCALDÍA

A rehabilitación da Casa do Cabildo iniciarase á volta do verán de 2010

18/12/2009 Unha vez aprobado pola Comisión Asesora do Casco Histórico o anteproxecto de rehabilitación da Casa do Cabildo, a intención do Concello é que as obras se realicen a partir do outono de 2010, co obxectivo de que estean rematadas cara o verán de 2011. Así o anunciou o alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, na súa rolda de prensa semanal.

Sánchez Bugallo explicou que as obras obrigarán á colocación de estadame na fronte do edificio, polo que se prefire esperar a que pase a temporada alta dun ano tan significativo coma o 2010 para comezar as obras. As obras de rehabilitación están presupostadas en 600.000 euros e permitirán destinar a Casa do Cabildo a dependencias complementarias do futuro Museo das Peregrinacións da Cidade de Santiago.

Por outra parte e a preguntas do xornalistas, o alcalde referiuse ao "risco importante" que se corre na promoción do Xacobeo por "un exceso de sensibilidade" e polo intento de "evitar interpretacións localistas". Neste sentido, expresou a necesidade de "enfocar ben o obxectivo, sobre todo cando hai recursos escasos e pouco tempo". "Temo que se perda a eficacia da mensaxe", dixo, se ben insistiu na "visión positiva e de apoio" ao labor que se realice de promoción.

Plenos o 30 de outubro
O alcalde tamén anunciou que o Pleno ordinario previsto para o 31 de outubro se adiantará un día, para non coincidir cos actos de apertura da Porta Santa. Celebrarase ás 18:30 horas. A continuación, ás 20:00 horas, celebrarase a sesión extraordinaria solicitada polo Partido Popular.

Compartir: