EDUCACIÓN E DEPORTES

Nadalxogo volve ser o espazo ideal de lecer para os máis novos nestas festas

16/12/2009 O sábado 19 de decembro comeza unha nova edición do programa Nadalxogo, cunha ambiciosa oferta de lecer para todos os públicos. Todos os días ata o 27 de decembro, agás o 24, o Multiusos Fontes do Sar abrirá as súas portas en horario de 17:00 a 21:00 horas.

Os concelleiros de Educación, Mercedes Rosón, e de Deportes, Bernardino Rama, presentaron esta nova edición de Nadalxogo, que cambia de datas polas necesidades dos equipos profesionais que xogan os seus partidos oficiais no pavillón de Sar. Iso si, o número de días do programa segue a ser o mesmo, co obxectivo de superar os 14.000 nenos que pasaron por Sar na anterior edición.

Para que todos os rapaces do municipio poidan pasar por Nadalxogo, habilitarase un servizo de autobuses, cunhas rutas que se presentarán nos vindeiros días. O programa conta cun orzamento de 66.000 euros.

Espazo infantil
En canto ás actividades, non faltará, como cada ano, o espazo para os máis pequenos, con idades de 3 a 5 anos, con parque de xogos, parque infantil de tráfico, obradoiros varios e outras actividades pensadas especialmente para eles. Haberá un espazo para cambio de cueiros e unha zona destinada á merenda dos máis pequenos.

Atraccións, obradoiros e deporte
Respecto ás actividades recreativas, destacan algunhas coma o carrusel de cabaliños, a pista de coches de choque ou os inchables para pequenos e mozos. En canto aos obradoiros, están previstos de cestería, encadernación, abelorios, gomaespuma, plástica ou papiroflexia. Tamén haberá actividades deportivas: tenis de mesa, camas elásticas, bádminton, deporte Wii ou esgrima.

Salón do Libro Infantil e Xuvenil
A lectura terá igualmente un lugar reservado en Nadalxogo, grazas ao Salón do Libro Infantil e Xuvenil Deporte e aventura, cunha atractiva combinación de intervención lúdica e educativa. Os asistentes contarán con actuacións musicais, sesións de contacontos, obradoiros de papiroflexia, exposicións de literatura infantil e xuvenil, un recuncho da lectura e deportes.

Actividades extraordinarias
Todas estas actividades periódicas complétanse con outras extraordinarias cada día:

- Sábado 19: Contacontos O heroe e o carballo
- Domingo 20: A historia de Martín
- Luns 21: Espectáculo de maxia A maxia de Peter
- Martes 22: Contacontos con monicreques Xan das ondas
- Mércores 23: Actuación de animación de Rivel
- Venres 25: Conto musical
- Sábado 26: Conto musical As aventuras de Servando
- Domingo 27: Animación co Circus Rivel

Compartir: