ALCALDÍA

A Comisión Asesora do Casco Histórico aproba o anteproxecto de rehabilitación da Casa do Cabildo

15/12/2009 A Comisión Asesora do Patrimonio Histórico, presidida polo alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, deu o visto bo ao anteproxecto de intervención na Casa do Cabildo, elaborado pola oficina técnica do Consorcio de Santiago.

O edificio consta de dúas partes ben diferenciadas: un corpo que dá fronte á praza das Praterías, de factura barroca e gran calidade arquitectónica, e un corpo anexo situado na esquina da rúa da Raíña, número 1. Ambos están incomunicados entre si interiormente e posúen forxados de piso situados a distintas alturas.

O tipo de actuación previsto é o de rehabilitación, co fin de destinalo a uso sociocultural, en concreto, a dependencias complementarias do Museo das Peregrinacións da Cidade de Santiago. O estudo previo pretende o acondicionamento do inmoble para o novo uso, facilitando a comunicación entre todas as plantas e partes do edificios. Para isto é necesario a apertura de diversos ocos no muro de separación entre ambos corpos edificados (nas plantas primeira e segunda do inmoble da Praza de Praterías) e a reestruturación dos forxados do inmoble da Raíña.

O anteproxecto respecta integramente a distribución e a tipoloxía do inmoble barroco que dá á fronte de praza de Praterías, centrando o groso da intervención na parte do edificio situada na Raíña, onde se prevé colocar un novo núcleo de comunicacións verticais (escaleiras e ascensor) que resolva a accesibilidade dende a vía pública a todos os niveis ou plantas do inmoble. A reestruturación dos forxados interiores no corpo do edificio situado na esquina da Raíña realizarase respectando a relación dos forxados cos ocos de fachada e, simultaneamente, conectando cos niveis de forxado do edificio barroco.

A Casa do Cabildo está catalogada polo Plan Especial co nivel 1, é dicir, como edificio monumental e de valor excepcional, arquitectónico, histórico-artístico e cultural.

Nesta sesión tamén se aprobou a realización de obras interiores de mantemento no Seminario Maior da Praza da Inmaculada, así como a colocación de diversas placas informativas no interior do Hostal dos Reis Católicos, e dunha nova placa na fachada principal, co fin de sinalizar o establecemento como "Parador Museo".

Compartir: