EDUCACIÓN

Máis de 500 escolares asistirán ás representacións de "Cachai" no Teatro Principal

11/12/2009 A Concellería de Educación e a Aula Aberta de Filosofía organizan res representacións da obra Cachai, a cargo da Compañía Microscopio Perdicións. A primeira das sesións terá lugar no Teatro Principal o vindeiro domingo, 13 de decembro, ás 20:00 horas, e está destinada ao profesorado de filosofía e ao público en xeral. A segunda e terceira, para alumnos e alumnas de 4º da ESO e 1º e 1º de Bacharelato, celebrarase o luns 14, ás 9:00 e ás 12:00 horas, no mesmo escenario.

Cachai é unha proposta pedagóxica da Compañía Microscopio Perdicións. Xorde da Aula Aberta de Filosofía e está avalada pola Sociedade de Profesores de Filosofía Hispano-Chilena e a Sociedade Galega de Filosofía para Nenos. Chega a Santiago con motivo da celebración do Día Internacional dos Dereitos Humanos o 10 de decembro. O espectáculo está protagonizado por Adán Rodriguez, David Gómez-Bendito e Juanjo del Rei, con dramaturxia e dirección de Pepe de Jimenez.

A obra Cachai está contextualizada en Chile tras o golpe de estado de Pinochet en 1973. Supón unha viaxe ás zonas máis escuras da historia latinoamericana, para desentrañar dende as súas vísceras, a experiencia da dor ante a morte e a posterior orfandade e indixencia, dadas as condicións precarias nas que queda a maior parte da súa poboación. Chile e o golpe, como acontecemento desencadeante, representan unha metáfora, é dicir, un reflexo da situación mundial; a experiencia chilena é un pretexto para abrirnos a un problema que é máis extenso e que cubre o planeta enteiro. Trátese en definitiva, dunha viaxe a través do recordo que constitúe o noso recente pasado colectivo.

Baseada nun feito real, a dramaturxia, plantexa a peripecia de subsistencia de dous mozos que, se ven obrigados a vivir por espazo de dous anos dentro do nicho dun cemiterio.

Nas dúas sesións do luns 14 está prevista a participación de máis de 500 escolares de secundaria dos seguintes centros: IES Rosalía de Castro, IES As Fontiñas, IES Xelmírez I, IES Xelmírez II, IES Eduardo Pondal e IES Cacheiras. Nestas representacións, Cachai convértese nunha aula de filosofía, precedida dunha presentación e seguida dun debate. Na sesión do domingo 13, aberta ao público, o prezo das entradas será de 7, 5 e 3 euros.

Compartir: