NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

A tenda Pecados, Localia Televisión e a Libraría Pedreira, galardoados na décima edición dos Premios Manuel Beiras

11/12/2009 O Concello de Santiago e a Cámara de Comercio entregaron, no Hotel Araguaney, os galardóns da décima edición dos Premios Manuel Beiras. Nesta ocasión os premiados foron a tenda de lambetadas Pecados, Localia Televisión e a Libraría Pedreira.

No acto e cea de gala estiveron presentes o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo; o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo; o presidente da Cámara de Comercio, Jesús Asorey Carril; a concelleira de Participación Cidadá e Normalización Lingüística, Guadalupe Rodríguez Silva; e o vicepresidente da entidade cameral, Evaristo Rodríguez Carracedo; entre outras personalidades de Compostela.

A tenda Pecados recibiu a distinción dentro da categoría de Incorporación ao uso do galego. Trátase dun establecemento comercial de venda de doces e lambetadas situada na praza do Toural. Dende o seu nacemento en xaneiro de 2009, sumou á iniciativa emprendedora o valor engadido de apostar pola utilización da lingua galega no seu ámbito de negocio, ademais de destacar pola súa orixinalidade e creatividade.

Na categoría de Uso continuado da lingua galega, alzouse co galardón Localia Televisión, pola súa aposta como medio de comunicación local polo emprego do uso do galego (estudos na rúa Nova, 32).

Finalmente, a Distinción especial recaeu na Libraría Pedreira (rúa do Home Santo, 55), e na persoa do seu titular, Antón Pedreira, tanto pola súa longa traxectoria a nivel empresarial como persoal en potenciación da cultura e da lingua galega. Este establecemento abriu as súas portas en 1981 cunha clara vocación para a defensa e divulgación da cultura galega. Demóstrao coa participación nas diversas feiras do libro, tanto de ámbito nacional como internacional, participando tamén na edición de libros e revistas de carácter local, e coa creación da súa páxina web en 1998 (www.librariapedreira.com).

Todos os anos organiza un programa de actividades culturais dentro do marco da libraría, presentacións e a sinatura de libros diante dos medios, ademais de lecturas, conta contos, recitais de poesía, charlas...

O proprietario, Xosé Antón Pedreira, foi o presidente da Agrupación de Libreiros de Santiago de Compostela e comarca, e director-organizador da "Feira do Libro" de Santiago de 1996 a 2005. É colaborador habitual de varios medios de comunicación, mantendo en todos un programa dedicado ao mundo do libro.

O premio ten un contido simbólico e non supón ningunha prestación económica. O motivo de premiar ás empresas radica en que son un sector económico de capital importancia para conseguir a normalización do idioma na vida cotiá. As empresas e comercios premiados poderán amosar nos seus establecementos a posesión deste galardón como unha garantía máis de que respectan o idioma galego. De maneira simbólica, os premiados recibiron unha escultura de Acisclo Manzano deseñada, en exclusiva, para estes premios.

Compartir: