CULTURA

"Dezaoito mulleres compostelanas da arte" na Fundación Granell

15/11/2005 O mércores 16 ás 20 horas inaugúrase unha mostra colectiva organizada pola Asociación de Mulleres Progresistas pro-igualdade Alba, nun acto que correrá a cargo de Natalia Fernández Segarra, directora da Fundación Granell, e do alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo.
A exposición permanecerá aberta ata o 25 de novembro.

"Dezaoito mulleres compostelanas da arte" enmárcase nas "III Xornadas sobre Muller e Igualdade", compendio de actividades organizado pola asociación Alba, que xa comezou o día 1 de novembro, e que rematará o 24.

No presente ano cúmprese o décimo oitavo aniversario da asociación Alba, e para celebralo quixeron achegarse ao mundo da arte coa organización desta exposición e unha serie de charlas sobre o papel da muller no universo da arte.

A exposición contará coa presenza de 18 mulleres que desenvolverán as súas obras a través de diferentes linguaxes como a fotografía, o tapiz ou a escultura, se ben destaca a linguaxe da pintura como xeito de expresión plástica más usada.

As artistas que participan nesta mostra son, en pintura, Silvia Armesto, Teresa Añón, Maribel dos Anxos, Lola Garcerá Marco, Purificación Gómez Galiñares, Isabel González, Esther Molinero, María Xesús Pascual, Carme Prieto, María Xesús Reboredo, María Estrela Rúa, Cristina Terrón e Carme Sevillano. En escultura estará a artista Pepa Mariño, en tapiz, Concepción Pérez; en fotografía, Beatriz Núñez e na modalidade de cerámica, Marisa Fraga.

Compartir: