TURISMO

Os mellores cociñeiros do mundo estarán no Fórum Gastronómico Santiago 2010

11/12/2009 Santiago de Compostela acollerá un auténtico despregamento de profesionais do mundo da enogastronomía en febreiro. As mellores figuras internacionais, españolas e galegas mostrarán a súa arte culinaria no Fórum Santiago 2010.

O mellor cociñeiro do mundo, Ferrán Adrià, estará presente o primeiro día do congreso profesional, o luns 21 de febreiro. Considerado unha das 10 persoas máis innovadoras e influentes do mundo, Adrià reflexionará sobre a actualidade no sector da gastronomía nun dos Diálogos. Galardoado con tres estrelas Michelin polo seu restaurante El Bulli (Roses, Cataluña), esta será a súa segunda visita a Santiago de Compostela, tras participar na primeira edición do Fórum Gastronómico en 2008.

Pero non será o único posuidor da máxima distinción outorgada pola famosa Guía Michelin que visite o Recinto Feiral de Amio. Os irmáns Roca, do recentemente distinguido O Celler de Can Roca (Xirona, Cataluña), protagonizarán sendas sesións: Joan un obradoiro onde amosará o seu bo facer nos fogóns e Josep nun obradoiro do FórumViño.

De profesionais e para profesionais
Aínda que o Fórum comeza o sábado na cidade, será de luns a mércores cando terá lugar o Congreso Profesional no Recinto Feiral de Amio.

O luns, dentro do Fórum Doce, actuarán catro ases da repostaría: o mestre chocolateiro Ramon Morató e Jordi Butrón, creador do primeiro restaurante de sobremesas, Espai Sucre; Ernst Knam, modisto milanés de alta costura doce, e o danés Jakob Mielcke. Ademais, a cociña galega moderna estará representada por Pedro Roca e o especialista en vacún Flavio Morganti. Os vascos Pedro e Aitor Arregui, do restaurante Elkano, amosarán a súa arte nas grellas. O islandés fincado en Londres Agnar Sverisson e o portugués Antonio Vieira completan o cartel.

O martes deixa paso ao FórumViño, onde ademais do catador Josep Roca ofrecerán sesións o especialista en Viños de Xeréz Jesús Barquín, os irmáns Xoán e Xosé Cannas, do grupo Nove, que nos sorprenderán coa fusión de cociña e viño, e o especialista Antonio Portela.

Marcelo Tejedor e Héctor López ofrecerán sendas sesións o martes. O vangardista Eneko Atxa ofrecerá un obradoiro e un relatorio xunto ao chef do Guggenheim de Bilbao, Josean M. Alija, e o presidente de Slow Food España, Mariano Gómez. Jose Antonio Campoviejo e Pedro e Marcos Morán achegarán a cociña da veciña Asturias. Así mesmo, o francés Nicolas Magie mostraranos a cociña da lamprea fóra de Galicia. A coñecida e controvertida xornalista gastronómica Alice Feiring protagonizará o Diálogo da xornada.

O mércores ábrese cunha sesión na que Jean Marie Baudic e Pepe Solla unirán a cociña atlántica de Bretaña e Galicia. O xaponés fincado en Nova York Sotohiro Kosugi, o polifacético portugués Chakall, a cociña escandinava de Mads Refslund e os belgas Bernard Lahousse e Peter Coucquyt, difusores do Food Pairing, ofrecerán talleres e relatorios no día máis internacional do Fórum Gastronómico. Por outra banda, Jaume Estruch e Josep de Haro tratarán sobre as experiencias sensoriais vinculadas á cociña. Os cataláns Sergio e Javier Torres ofrecerán un obradoiro e os galegos Afonso González e María Varela un relatorio, do mesmo xeito que Javier Oleiros e Takahibe Tanaka, de A Culler de Pau.

O Fórum Gastronómico Santiago 2010 é un evento promovido polo Concello de Santiago, a Asociación Hostalería Compostela e a Cámara de Comercio, e organizado por Turismo de Santiago e Pep Palau, von Arend & Associats. Os seus patrocinadores institucionais son a Consellería do Medio Rural e a Consellería do Mar da Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña e o Consorcio de Santiago. Como patrocinadores privados conta con Estrella Galicia, Cabreiroá, El Corte Inglés, Paradores, Rosareiro e Angelo Po.

Compartir: