ALCALDÍA

Sánchez Bugallo: "Santiago soportou francamente ben unhas condicións climatolóxicas moi adversas"

11/12/2009 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo referiuse na súa rolda de prensa semanal á incidencia na cidade do temporal do pasado fin de semana. Á marxe dalgún problema puntual, dixo, "Santiago soportou francamente ben unhas condición climatolóxicas moi adversas".

Sánchez Bugallo indicou que na xornada do domingo 6 se recolleron ata 120 litros por metro cadrado, "a maior concentración de auga dos últimos anos". Ante este caudal de auga "afloraron algúns problemas", que afectaron principalmente "a puntos baixos sensibles no entorno do Sar e do Sarela". Tratouse das igrexas de Carme de Abaixo, Sar e Pelamios, "tres igrexas que teñen en común estar máis baixas que o entorno circundante".

Sobre as causas destas inundacións, o alcalde apuntou a incidencia negativa da urbanización do entorno, "que fai que a auga chegue máis rápido". En calquera caso, resaltou que os niveis de auga alcanzaran os 30 centímetros, "sen risco para ningunha persoa e con máis molestias que danos no patrimonio".

O Concello remitirá na vindeira semana un informe a Augas de Galicia, o organismo competente en materia de limpeza de canalizacións "para ver que se pode facer", anunciou. No caso do río Sar, Sánchez Bugallo indicou que "este é un tema máis ou menos encamiñado", xa que a solución pasa pola limpeza dos colectores e tamén polo novo colector que se está a construír. "Vaise reducir significativamente o auga que lles chegue, xa que a auga da chuvia irá ao colector e non ao río", dixo. No caso do Sarela, afirmou que está previsto solicitar ao Ministerio de Fomento a construción dun no interceptor.

Respecto ao problema xurdido co asolagamento dun garaxe en Santa Marta, indicou que se debeu "probablemente a un muro non feito da maneira máis adecuada". De todos xeitos, aclarou, na mesma mañá do domingo visitou persoalmente a obra. "Nesa mesma mañá buscouse un arquitecto e unha empresa, pola tarde xa se estaba traballando e en 24 horas estaba o garaxe liberado", engadiu. Ademais destacou que non houbo risco para as persoas nin danos irreversibles para o edificio.

Adxudicacións en prazo
Por outra parte, o alcalde tivo palabras de agradecemento para o Goberno e os funcionarios municipais por ter sacado adiante en nove días a adxudicación e xustificación de gastos de varias obras prioritarias, fundamentalmente do chamado convenio de travesías e da Cidade Histórica. Neste período celebráronse ata seis xuntas de goberno.

Segundo Sánchez Bugallo, "agora virá a parte máis molesta, as obras, que se sumarán ás xa en marcha e que, pola súa complexidade e amplitude motivarán problemas importantes. A outra opción era perder os cartos e non facer as obras".

Compartir: