URBANISMO

As cidades galegas apostan pola rehabilitación fronte á crise

10/12/2009 A concelleira de Urbanismo, Mercedes Rosón, reuniuse en Raxoi cos concelleiros de Urbanismo das outras seis cidades galegas. Foi unha posta en común das preocupacións que lles afectan en cuestións como o planeamento, o urbanismo en rede ou as relacións coas administracións autonómica e estatal.

A actual situación de crise económica foi un dos temas que estivo sobre a mesa. Así, malia que no caso de Santiago apenas se produciu unha redución no número de licencias concedidas respecto a anos anteriores, noutras cidades si están a sufrir a minoración de ingresos por este concepto. Fronte a isto, Rosón apuntou a necesidade de apostar por "outros proxectos", aludindo principalmente aos incluídos en programas financiados pola Unión Europea.

Nesta aposta por outras posibilidades, a concelleira de Urbanismo indicou que o futuro das cidades pasa en boa parte pola rehabilitación e puxo como exemplo de proxectos viables as áreas de rehabilitación integral. Neste mesmo sentido e fronte á minoración de fondos, avogou polos ingresos por licenzas de obra menor aparelladas a proxectos de reforma e rehabilitación.

Tamén traballando cara o futuro, os concelleiros falaron sobre os servizos en rede e os avances na tramitación on line. Entre os obxectivos das sete cidades galegas está unha carta de servizos urbanísticos única.

Compartir: