ALCALDÍA

Os pequenos ilustradores do Nadal de Compostela recibiron os seus premios

10/12/2009 Como cada ano, os gañadores do Concurso de Carteis de Nadal recibiron os seus premios nun acto celebrado en Raxoi e presidido polo alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo. Foron os primeiros agasallos para uns rapaces e rapazas cuxa imaxinación ilustra o cartel e o programa destas festas en Compostela.

Sheila González Rodríguez, alumna de sete anos do Colexio Vilas Alborada, recibiu o premio pola súa colorista e sinxela visión de Baltasar. Esta imaxe é a protagonista do cartel de Nadal deste 2009. Para ela foi unha bicicleta e varias bonecas, e para o seu colexio 120 euros.

O segundo premio, unha bicicleta, recolleuno Lorena Zerevejo Pino, de 11 anos, que estuda no Colexio A Milagrosa. Tamén recibiron os seus agasallos Lola Fernández, Sabela López, Uxía Méndez e Raquel Mourón, alumnas de catro anos do CEIP Ramón Cabanillas, gañadoras do terceiro premio. Todas elas levaron os seus lotes de libros.

Os agasallos correspondentes aos accésit foron, respectivamente, para María Crujeiras Ríos, de 10 anos (CEIP Pío XII); César Casal Iglesias, de 7 anos (Colexio Vilas Alborada) e Jorge Candama López, de 10 anos (Colexio Compañía de María). Estes seis traballos resultaron elixidos entre os 1.100 traballos que se presentaron ao Concurso. Pertencen a 29 centros composteláns. A contía total en premios foi nesta edición de 960 euros.

Nesta edición, os centros educativos participantes foron: Apóstolo Santiago, Fontiñas, Monte dos Postes, Vite, Rodríguez Xixirei, Roxos Villestro, Pío XII, Quiroga Palacios, Ramón Cabanillas, Colexiata de Sar, Raíña Fabiola, Lamas de Abade, A. Casas Novoa, Junior’s, Peleteiro, Compañía de María, A Milagrosa, San Francisco Xabier, Vilas Alborada, Divino Mestre, La Salle, Nosa Sra. Dos Remedios, San Xurxo e Xuventude, así cómo as escolas infantís de Conxo, Fontiñas, San Roque, Cativos e Os Pequerrechos.

Acompañaron aos premiados neste acto as seis escolares integrantes do xurado: Rosalía Rodríguez Díaz (5º de Primaria do Colexio Vilas Alborada), Inés Ancede Vilas (6º de Primaria do CEIP Roxos Villestro), Xiana Varela Castro (6º de Primaria do CEIP López Ferreiro), Lucía Rey Seoane (6º de Primaria do CEIP Apóstolo Santiago), Rita Villar Arajó (5º de Primaria do Colexio San Francisco xavier) e Mª Isabel Sainz Sainz-Diez (6º de Primaria do CEIP Pío XII). Axudáronos nas deliberacións Mercedes Rosón (concelleira de Educación), o ilustrador Fausto Isorna, Xosé Manuel Rodríguez-Abella (xefe do Departamento de Educación e Xuventude) e Beatriz Varela Morales (técnica do Departamento de Educación).

Compartir: