PARTICIPACIÓN CIDADÁ E NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

A Concellería de Participación Cidadá e Normalización Lingüística convida os máis pequenos a vivir un Nadal en galego

09/12/2009 A Concellaría de Participación Cidadá e Normalización Lingüística convida os composteláns a participar no Nadal en Galego, unha proposta concibida para facilitar a conciliación da vida familiar e laboral, promover a lingua galega e concienciar sobre as boas prácticas ambientais a través de alternativas lúdicas e didácticas para o tempo libre dos máis pequenos. A inscrición está aberta.

Este programa emprega o xogo e as manualidades como ferramenta para enfrontar certas mensaxes sexistas, consumistas ou belicistas agochadas a miúdo nas tradicións e consumo destas datas. Así, realizaranse diversos obradoiros de xogos e xoguetes, xogos populares, comidas do Nadal, recollida de contos, refráns e panxoliñas, postais e adornos de Nadal ou análise dos videoxogos.

Os obradoiros están dirixidos a rapazas e rapaces de 6 a 12 anos. Celebraranse os días 23, 28, 29 e 30 de decembro, e 4 e 5 de xaneiro, de 9:00 a 13:30 horas, na Casa das Asociacións, en Cornes. Cada obradoiro conta con 25 prazas e a participación é de balde.

Obradoiro sobre autoestima
Por outra parte, a Concellería de Participación Cidadá preparou tamén para os nenos un obradoiro centrado no desenvolvemento da autoestima e a adquisición de técnicas persoais co obxectivo de detectar, previr, informar e sensibilizalos fronte ao perigos do acoso escolar ou familiar. O taller coordinarao a psicóloga Mari Carmen, Cota da Asociación Galega de Psicoanálise.

Este obradoiro contén actividades participativas, como as denominadas A maleta da vida, A casa e a familia. A escola e os compañeiros, Os títeres xogan a mancarse uns a outros ou Crear a miña caixa interna de cores e xogos. Está dirixido a rapaces e rapazas de 5 a 10 anos.

A actividade desenvolverase o 19 de decembro, de 10:00 a 13:00 horas. Conta con 15 prazas dispoñibles e a participación é de balde. As inscricións poden realizarse na Casa das Asociacións: Tlf: 981 542 350; e-mail: truizk@santiagodecompostela.gal, aanteloa@santiagodecompostela.gal.

Compartir: