EDUCACIÓN

A Escola Municipal de Música celebra o Nadal con dous concertos moi especiais

09/12/2009 O Nadal tamén chega á Escola Municipal de Música, onde para celebralo prepararon dous concertos especiais. O primeiro, dedicado propiamente ao Nadal, terá lugar na Aula de Cultura de Caixa Galicia o venres 11 de decembro a partir das 19:30 horas. Xa o 17 de decembro, concerto sobre Bach na propia Escola, ás 20:30 horas.

A concelleira de Educación, Mercedes Rosón, presentou estes dous concertos. Así, o Concerto de Nadal levará por título O Nadal no Mundo. A fermosa viaxe de Iago en noiteboa. O evento constará dun conto guiado no que Iago, o personaxe, amosará a través da música a maneira de celebrar o Nadal nas diferentes partes do mundo coas súas características tradicións. Participarán as diferentes agrupacións instrumentais e corais da Escola e mesmo algúns pequenos se atreverán a tocar en solitario.

O programa musical abrangue dende repertorio dos Estados Unidos ate música boliviana no idioma quechua que será interpretado polo coro de nenos da Escola Municipal. Tocarase tamén música de rasgos orientais do compositor francés Ravel, música tradicional alemá, norueguesa, sudamericana, árabe… Para rematar, os alumnos máis pequenos da escola interpretarán un repertorio de panxoliñas tradicionais galegas.

Segundo indicou o xefe de estudos da Escola, Mario Diz, o principal obxectivo deste concerto é que "os nenos participen na actividade escénica". En total serán uns 150 alumnos da Escola os que participen neste concerto.

Concerto sobre Bach
No concerto didáctico e monográfico sobre a figura do compositor J.S. Bach, os alumnos e alumnas das diferentes especialidades instrumentais da Escola interpretarán pezas do compositor alemán facendo unha pequena explicación didáctica das mesmas. Os profesores participarán no concerto explicando a intencionalidade didáctica da obra de J.S.Bach no estudo instrumental así como a importancia do contrapunto a través deste compositor.

"Queremos que os nenos coñezan os significado das obras que interpretan e que os profesores traballen cos beneficios pedagóxicos, técnicos e instrumentais da obra de Bach", apuntou a directora da Escola Municipal de Música, Sara Domínguez.

Compartir: