PLENO

O alcalde salienta o bo comportamento de Santiago fronte á crise no Pleno sobre o Estado do Concello

05/12/2009 No Pleno Extraordinario sobre o Estado do Municipio celebrado no Concello de Santiago de Compostela, o alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo destacou o bo comportamento da cidade fronte á situación de crise internacional que padecemos.

Sánchez Bugallo puxo de manifesto que Santiago é "referente nacional e internacional" en moitos aspectos. Destacou que ante a caída da construción en todo o Estado, as políticas de vivenda da cidade están a dar como resultado que Santiago é unha tras tres únicas cidades de España onde non cae o visado de vivendas, senón que segue crecendo. Así mesmo, Bugallo subliñou que o 80% da vivenda que se constrúe en Compostela faise en polígonos xestionados polo Concello.

Segundo manifestou o alcalde, a consolidación dos parques empresariais e o fomento doutros novos está contribuíndo ao bo comportamento económico da cidade: os atlas económicos de Caixanova e La Caixa colocan a Santiago de Compostela á cabeza do índice riqueza de Galicia. Tamén falou do dinamismo do comercio compostelán e dos apoios do Concello ao mesmo, deténdose nos datos do avance do turismo e facendo fincapé na importancia dos voos de baixo custo para o mesmo, así como do aeroporto de Lavacolla como referente internacional, que seguirá afirmándose coa nova terminal, xa en construción.

Logo de facer repaso aos logros dos investimentos en infraestruturas e sinalar a importancia que tivo o FEIL este ano, adiantou os proxectos que este Plan do Estado desenvolverá no concello no 2010. "Os cinco grandes retos para o futuro inmediato", dixo, "están en marcha", referíndose á nova terminal de Lavacolla, á chegada do AVE coa construción da estación intermodal, á rede de colectores e a EDAR, ao Plan Urbana Norte, e á duplicación da AP-9. Tamén fixo referencia ás reformas e novas dotacións do Campus Sur, e pormenorizou as xestións desenvolvidas polo goberno municipal nas diferentes áreas do mesmo.

Finalmente incidiu na importancia do Xacobeo 2010 e na convocatoria do Real Patronato, que contará coa presenza dos Reis, o vindeiro mes de xullo. Amosou a súa esperanza no futuro e dixo que "manteremos o pulso firme para seguir construíndo unha cidade de concordia, culta e hospitalaria, con calidade de vida".

Prioridades para 2010
Xa na súa intervención final para pechar o debate, o alcalde anunciou as cinco prioridades do Goberno municipal para 2010. A primeira será o Ano Santo, co obxectivo de lograr "unha cidade limpa, segura e hospitalaria". A continuación citou a atención aos máis desfavorecidos e o apoio á Universidade de Santiago.

Como cuarto punto citou a "xestión da inmensa cantidade de obra que estarán en marcha en 2010 en puntos estratéxicos da cidade". Por isto, demandou dos cidadáns "comprensión, paciencia e apoio, pois son obras que traerán beneficios e melloras da calidade de vida para a cidade". En quinto lugar referiuse ao apoio a empresas e traballadores para manter o emprego.

Quendas de intervención
Antes deste peche, a primeira intervención do alcalde sometérase a debate tras un período dunha hora de receso. Interviñeron, de menor a maior representación, os tres grupos do Pleno. Falaron, respectivamente, Socorro García Conde, polo BNG; Marta Álvarez-Santullano, polo PSOE; e Gerardo Conde Roa, polo PP. Estes mesmos voceiros municipais fixeron uso dunha segunda quenda, para finalmente pechar o alcalde o debate coa súa réplica.

Cómpre lembrar que este debate, que puido ser seguido en directo a través desta web, está contemplado no Regulamento Orgánico Municipal do Pleno do Concello aprobado en Pleno o 27 de decembro de 2007. En cada mandato corporativo terán lugar tres sesións extraordinarias dedicadas a este debate do estado do Concello.

Compartir: