EMPREGO

O Pazo de Congresos acollerá o 14 de decembro unhas Xornadas Técnicas de Empresas de Inserción laboral

04/12/2009 O concelleiro de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, e o presidente da Asociación Plataforma polo Emprego, Miguel Fernández Blanco, presentaron o programa das Xornadas Técnicas de Empresas de Inserción Laboral, que se desenvolverán o 14 de decembro no Pazo de Congresos e Exposicións de Galicia. Dirixidas a persoal técnico e a profesionais relacionados coa promoción do emprego e a inclusión social de todo o Estado Español, o seu obxectivo é promover un lugar de encontro para todas aquelas persoas que dende o mundo da empresas, das institucións públicas, das entidades sindicais e do tecido asociativo, están involucradas na loita contra a exclusión social.

As persoas interesadas en asistir poden informarse e inscribirse, ata 13 de decembro, na páxina web da Concellaría de Promoción Económica e Emprego, www.maiscompostela.org, no microsite visible na portada Xornadas Técnicas de Empresas de Inserción Laboral. Se non se puideron apuntar, poden facelo o mesmo día das xornadas no mostrador de recepción. Toda esta información está recollida nun díptico informativo, do que se editaron 1.000 exemplares, que se enviarán a profesionais e entidades relacionadas coa inserción laboral.

O encontro está organizado pola Concellaría de Promoción Económica e Emprego e pola Asociación Plataforma polo Emprego e cofinanciado polo Fondo Social Europeo no marco do Pacto Local polo Emprego do Concello de Santiago de Compostela. O programa está deseñado co fin de propiciar un espazo que permita reflexionar e dialogar sobre distintas cuestións relativas a:

• Como romper a inercia da non corresponsabilidade na xeración de emprego para as persoas máis desfavorecidas e excluídas.

• Cal é a realidade e as actuacións das empresas de inserción, e das súas entidades sociais promotoras, na situación actual, do mercado de traballo.

• Como promover a incorporación de cláusulas sociais nas licitacións públicas, para favorecer a inserción laboral de colectivos en situación de exclusión.

• Como afondar no papel que deben desempeñar as corporacións locais para o desenvolvemento e implantación da Lei de Empresas de Inserción.

• Como potenciar a participación de colectivos afectados pola situación de exclusión na definición de accións alternativas e proxectos xeradores de emprego.

Relatorios, mesas redondas e talleres
A apertura das xornadas terá lugar ás 9:45 horas, despois da recepción e acreditación de participantes. Ás 10:00 horas está programado o relatorio de apertura As empresas de inserción. Marco legal. Expectativas. Límites. Alternativa para unha época de crecemento do desemprego, impartido por Gil Ramos Masjuán, subdirector xeral de Economía Social e RSE do Ministerio de Traballo e Inmigración. A continuación, e despois dun descanso, exporanse distintas experiencias de empresas de inserción laboral, a través dun relatorio e dunha mesa redonda.

Pola tarde, a partires das 16:30 horas, xusto antes da clausura, desenvolveranse catro talleres de traballo en paralelo: As entidades de iniciativa social ante o reto de ser promotoras de empresas de inserción, As empresas de inserción no marco dos itinerarios de inserción laboral, Mercados protexidos e cláusulas sociais como ferramentas para a inserción laboral dentro do novo marco da Lei de Contratos do sector público e Como montar unha empresa de inserción? Requisitos, procedementos, trámites.

Pacto Local polo Emprego
A xornada enmárcase no Pacto Local polo Emprego de Santiago de Compostela, que o Concello de Santiago, a través da Concellaría de Promoción Económica e emprego asinou o 1 de abril coas centrais sindicais, a Asociación de Empresarios do Tambre, a Asociación de Empresarios de Hostalería, a Cámara de Comercio de Santiago, e a Plataforma polo Emprego. Este é o documento marco a través do que se articulan e articularán as políticas de emprego no Concello de Santiago ata o 2011.

A través do anterior, (o Plan de Acción Local polo Emprego) en vigor nos anos 2006 e 2007, creáronse un millar de empregos na cidade e impartíronse máis de 8.000 horas de formación destinada a persoas desempregadas. Tanto neste pacto como no anterior prestase especial atención aos colectivos máis desfavorecidos: mulleres, mocidade sen emprego anterior, persoas discapacitadas, persoas desempregadas de longa duración, etc.

Documentos relacionados



Compartir: