ALCALDÍA

Os xulgados de Fontiñas contarán con nove salas máis en 2012

04/12/2009 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, e o conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, visitaron os terreos nos que se construirán os novos xulgados. O Concello cedeu unha parcela de 219 metros cadrados, para sumar unha superficie total de 410 metros cadrados.

A ampliación dos xulgados composteláns suporá a creación de tres novas salas para vistas e doutras seis para xulgados. A previsión é que en breve se encargue a redacción do proxecto e que en 2010 podan comezar as obras, presupostadas nuns 3 millóns de euros. O obxectivo é que as novas salas podan abrirse en 2012.

O alcalde expresou a necesidade de contar "cunhas instalacións axeitadas para a xustiza", como servizo público esencial que é. Amosouse "contento" por colaborar coa Xunta nesta infraestrutura, cedendo a parcela, se ben calculou que "nun horizonte de dez anos a planta xudicial da nosa cidade quedará pequena e haberá que seguir ampliando as súas instalacións". Por este motivo, o Concello xa reservou unha parcela preto para unha futura ampliación

Pola súa parte, o conselleiro da Presidencia resaltou a importancia desta infraestrutura, que responde a unha vella demanda de xuíces e avogados. Indicou que solucionará as necesidades actuais da cidade e as que se podan producir nun futuro.

Compartir: