CULTURA

Máis de 38.000 persoas pasaron pola XXIII edición de Cineuropa

03/12/2009 A edición número 23 de Cineuropa, festival organizado pola Concellaría de Cultura, chegou ao seu fin. Durante este mes pasaron polas salas do festival máis de 38.000 persoas, en concreto 38.009. O festival consolídase así un ano máis como a cita ineludible do cine en Galicia, xa que, a pesares de reducir o número de salas, segue aumentando en público. O ano pasado pasaron por Cineuropa 36.994 persoas e no 2007, 29.984.

No Teatro Principal, o Salón Teatro, a Aula Sociocultural de Caixa Galicia e a Sede da Fundación Caixa Galicia proxectáronse dende o 4 de novembro ata o 2 de decembro 160 filmes chegados de todas as partes do mundo e cinema feito aquí, en Galicia. E sempre cinema comprometido e de calidade, que permite a audiencia mergullarse noutras culturas e coñecer de preto outras realidades para obter unha visión máis ampla do mundo. A isto hai que engadir todo o público que pasou pola Sala Capitol no Concerto Especial dos Beatles.

O público de Cineuropa, puntuando ás películas, declarou como filme gañador desta 23 edición na Sección Oficial a Looking for Eric, de Ken Loach, cunha puntuación de 8.46. En segundo lugar quedou Welcome, de Philippe Lioret, cun 8.32 e, en terceira posición, Le hérisson, de Mona Achache, cun 8.3. A cuarta posición desta sección tamén levou máis de 8 puntos: Desert Flower, de Sherry Horman, que obtivo un 8.2.

En Panorama Internacional, o filme que quedou en primeira posición foi City Island, de Raymond de Felitta, cun 7.8; mentres que en Mundo Asia o primeiro posto levouno Ai no mukidashi (Love Exposure), de Sono Sion, tamén cun 7.8. Precisamente esa puntuación, 7.8, tamén foi a que levou o primeiro posto de Doc-Music, Soul Power, de Jeffrey Levy-Hinte; e o primeiro de Documentos, Memoria Presente, Familystrip, de Luis Miñarro. Na sección de Fantastique Compostela o primeiro posto foi para Surveillance, de Jennifer Lynch con 6.8; e en Conexión Bos Aires, La proxima estación, de Pino Solanas, cun 7.5.

Como cada ano, ademais, o evento premiou a dous persoeiros relevantes no mundo do cinema internacional. Nesta ocasión foron Fernando Trueba, gañador dun Óscar e que este ano repite nesa cerimonia co filme O baile da vitoria, que se estreou en Cineuropa; e Mabel Rivera, actriz galega.

O extraordinario universo cinematográfico de Cineuropa foi máis diverso ca nunca: música, mesas redondas, visita de directores, premios, e público, moito público. Máis de 38.000 persoas gozando do bo cinema. A vindeira cita: novembro de 2010.

Compartir: