URBANA SANTIAGO NORTE

Unha comisión articulará a participación dos veciños na execución do proxecto Urbana Santiago Norte

03/12/2009 O Centro Sociocultural "José Saramago" de Vite acolleu unha xornada de presentación do proxecto Urbana Santiago Norte ás asociacións e entidades da zona norte de Santiago de Compostela. Os veciños desta área participarán activamente na execución do programa a través dunha Comisión de Participación Cidadá.

O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, presidiu esta xornada informativa, na que participaron as entidades veciñais, culturais-ambientais, deportivas, asistenciais-sociais, profesionais-empresariais e sindicais, cuxa sede ou ámbito de actuación estan dentro da zona norte de Santiago: Vista Alegre, Romaño, Vite, Guadalupe, Salgueiriños, San Caetano, Basquiños, Ultreia, Espírito Santo, A Estila, A Almáciga, San Pedro, Concheiros, Belvís e Quiroga Palacios.

Os asistentes, ademais do propio proxecto, puideron coñecer de primeira man os procesos de participación cidadá no mesmo, a través dunha comisión na que estarán representados os veciños da zona e os principais axentes económicos da zona. Ademais fomentaranse as redes de intercambio de experiencias, para propiciar unha posta en común con outras cidades que desenvolven proxecto da iniciativa Urbana. Nesta liña de contacto directo cos afectados tamén está a oficina Urbana Santiago Norte, xa en funcionamento e a páxina web: www.urbanasantiagonorte.org.

Recordou o alcalde na súa intervención que o proxecto recolle un conxunto de actuacións de carácter integral nos devanditos barrios do norte da cidade. Esta zona representa o 30% da superfície residencial do núcleo urbano de Santiago e concentra unha poboación de 18.831 habitantes.

O Urbana Santiago Norte contempla medidas e actuacións en nove áreas temáticas: sociedade da información, fomento da integración social e da igualdade de oportunidades, medio ambiente urbano e fomento do tratamento de resíduos, desenvolvemento do tecido econômico e accións a favor do emprego e da actividade empresarial, accesibilidade e mobilidade, fomento do uso máis eficaz da enerxía, cultura e patrimonio, infraestruturas de servizos e formación profesional.

Máis de 11 millóns de euros
O proxecto está cofinanciado pola Unión Europea con cargo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER). Tras a presentación da candidatura en xaneiro de 2008, o proxecto foi aprobado definitivamente polo Ministerio de Economía no mes de xullo cun orzamento global que ascende a 11.433.590 euros dos cales o FEDER achega 8.003.513 (70%) e o Concello contribúe con 3.430.077 (30%).

A Iniciativa Urbana é unha iniciativa herdeira da que se coñecía como Urban, que se pon en marcha no novo período de fondos estruturais da Unión Europea 2007-2013. Entre os anos 1994 e 2006 foron 165 as cidades europeas que se beneficiaron das actuacións das iniciativas Urban I e Urban II, das que 39 foron cidades españolas e 4 galegas (A Coruña, Pontevedra e Vigo no Urban I e Ourense no Urban II).

Esta iniciativa xorde no novo período a proposta da Administración Xeral do Estado a través da Dirección Xeral de Fondos Comunitarios do Ministerio de Economía e Facenda e vai destinar ás 43 novas cidades seleccionadas en toda España un total de 344 millóns de euros en axudas achegadas polo FEDER. No caso de Galicia, foron seleccionadas, ademais de Santiago, as cidades da Coruña, Ferrol e Lugo.

Compartir: