CULTURA

O VIII Festival de Teatro Afeccionado Agustin Magán exhibe en Santiago de Compostela catro espectáculos

03/12/2009 A cidade de Santiago contará cunha nova sala teatral na zona de Santa Marta destinada a espectáculos de formato pequeno. Este anuncio fíxoo a concelleira de Cultura e Centros Socioculturais, Socorro García Conde, na presentación hoxe do VIII Festival de Teatro Afeccionado Agustín Magán, que se celebrará no Teatro Principal do 5 ao 8 de decembro. No acto estivo acompañada polo xefe de servizo da Dirección Xeral de Promoción e Difusión da Cultura da Consellería de Cultura e Turismo, Víctor Rey; polo presidente da Federación Galega de Teatro Afeccionado (FEGATEA), Alberto Álvarez, e por un dos membros do xurado e representante da compañía Vichelocrego de Gondomar, Verísimo Pazos.

"Agustín Magán sentiríase orgulloso" aseverou Alberto Álvarez, ao lembrar que o Teatro Principal volve acoller na súa oitava edición este Festival que leva o nome do dramaturgo compostelán. Así agradeceu o presidente da FEGATEA, o apoio da concellería de Cultura de Santiago que "nos permitiu voltar ao mesmo espazo onde empezou este encontro". Tamén recordou a Magán a concelleira, quen salientou a súa figura a través da importante data que se achega, o 50 aniversario da compañía Teatro de Cámara Ditea, fundada polo propio dramaturgo.

Pola súa parte, o xefe do servizo da Dirección Xeral de Promoción e Difusión da Cultura da Consellería de Cultura e Turismo destacou como o teatro afeccionado conta "cunha programación propia dentro dos ciclos culturais da Consellería". E anunciou a súa intención de seguir apoiando ao teatro amador galego "para que siga medrando", como se fixo ata agora, a través de "subvencións a ciclos de teatro, mostras e convenios coa FEGATEA para celebrar xornadas e cursos", manifestou Víctor Rey. Alberto Álvarez aproveitou a presentación para solicitar a colaboración de todas as administracións para manter o teatro amador galego e que continúe amosando "a súa vitalidade e calidade, ao ser espectáculos que nacen do amor polo teatro e da liberdade coa que están feitos".

Espectáculos seleccionados
Catro foron os espectáculos seleccionados, entre 20 obras, segundo relatou Verísimo Pazos, membro do xurado. Para levar a cabo esta criba, tívose en conta fundamentalmente a calidade da montaxe e a innovación. "Buscamos os mellores proxectos" afirma Pazos, quen explica a diversidade das obras que tocan distintos xéneros como "o teatro de salón clásico, a danza" ou recollen tanto "escenografías clásicas como modernas".

Entre os escollidos para exhibirse no Teatro Principal do 5 ao 8 de decembro atópanse a compañía de Narón O Aturuxo de Melpómene, con Comendo pementos de Padrón con Tarantino, de Leandro Lamas; O Trasno Novo Teatro de Vigo, con Conversas na cuneta mentres a vida pasa alá fóra, de Xaime Costas e Miguel Estévez; Carfax Teatro de Culleredo, con Transilvania, de Manuel Lourenzo; e Teatro Escoitade de Valadares, Vigo, con Longa vida a Martiño de Güimil, dirixida por Doro Piñeiro.

Novo espazo teatral
Para contribuír ao futuro do teatro amador en Galicia, a concelleira, Socorro García, anunciou que se vai crear en Santiago "unha nova sala teatral para espectáculos de pequeno formato, e que queremos incluír na Rede Galega de Teatros e Auditorios" explicou. Con este espazo, que se situará en Santa Marta, a concellería de Cultura pretende ampliar a axenda cultural compostelá dando cabida a novos espectáculos de formato máis reducido, e "facilitando así a organización de máis actividades arredor do teatro".

Compartir: