FACENDA

O Concello aplicará coeficientes redutores no IBI do rural sen modificar a ordenanza fiscal

02/12/2009 O Concello compostelán aplicará coeficientes redutores no imposto de bens inmobles (IBI) aplicado ao rural, pero non modificará a ordenanza fiscal. A medida escollida polo Concello será efectiva a partir do 1 de xaneiro de 2010.

De entrada cómpre aclarar que, de acordo co que establece o texto refundido da lei do catastro inmobiliario, procede a revisión xeral dos valores dos bens inmobles cando se altere o planeamento urbanístico ou cando teñan transcorridos dez anos dende a ultima valoración. En Santiago danse as dúas circunstancias simultaneamente, xa que o 30 de outubro de 2008 aprobouse definitivamente o novo PXOM, e a última valoración fíxose no ano 1999. Por iso a Dirección Xeral do Catastro procedeu a elaborar unha nova ponencia de valores catastrais coa participación dos servizos técnicos municipais de Urbanismo e Facenda do Concello.

Como resultado deste proceso de revisión xeral dos valores, moitos solos pasaron a ter natureza urbana atendendo á última modificación do PXOM. Os propietarios afectados solicitaron que lles fosen aplicadas as bonificacións das que disfrutaban ata agora, pero sucede que para poder manter esas bonificacións, segundo a lei de facendas locais, os solos teñen que estar vinculados a usos primarios (forestal, agrario, gandeiro,...) e esa circunstancia non concorre nos casos que se están plantexando. Ante esta situación, o Concello decidiu aproveitar a posibilidade que ofrece a lei catastral de aplicar aos novos valores catastrais unha redución de ata o 60% como consecuencia da inedificabilidade temporal das parcelas.

Neste momento, está en período de exposición pública a nova ponencia, de onde sairá a base impoñible do imposto que será modificada aplicando ditos coeficientes redutores. Polo tanto, esas reducións serán efectivas a partir de xaneiro de 2010, e non será preciso arbitrar o procedemento de modificación de ordenanzas fiscais, porque o Goberno municipal optou por esta outra alternativa que producirá os mesmos efectos positivos pero dunha maneira máis áxil e operativa.

Deste xeito, o Goberno municipal consegue paliar a perda de bonificacións que establece a ordenanza fiscal e mantén o compromiso de conxelar os impostos. O propio alcalde manifestara publicamente hai dous meses a súa vontade de non modificar as ordenanzas municipais precisamente para non dar lugar á subida de impostos.

Compartir: