CULTURA

Teatro do Atlántico leva a Friel e Chéjov ao Principal na súa 25ª tempada

02/12/2009 O amor como dependencia e a mentira como mecanismo de supervivencia. Estes son os dous temas principais que trata O xogo de Yalta. Afterplay, a nova montaxe de Teatro do Atlántico que se pon en escena o xoves 3 e o venres 4 ás 21:00 horas no Teatro Principal.

A concelleira de Cultura, Socorro García amosouse satisfeita porque o Teatro Principal acolla unha nova mostra do traballo que están a facer as compañías galegas, e manifestou o apoio da Concellaría a que siga habendo teatro galego nos escenarios do país. Nese sentido, o director da obra, Xulio Lago, lembrou que hai 25 anos a presenza do teatro galego nos teatros máis importantes era "marxinal". "Algo cambiou nestes 25 anos, nos que se deu un salto de calidade de actrices, actores e resto do equipo", sinalou.

Teatro do Atlántico presenta dúas pezas do dramaturgo irlandés Brian Friel, un dos máis importantes do teatro contemporáneo europeo, a partir da obra e os personaxes de Anton Chéjov. O xogo de Yalta parte dun dos relatos máis coñecidos do gran escritor ruso, A dama do canciño. A partir de aí constrúese unha obra que comeza coma unha viaxe de pracer para acabar como unha complexa historia de amor que envolverá e convulsionará a Dmitry Dmitrich e Anna Sergueyevna. Esta peza está interpretada por Victoria Pérez e Damián Contreras.

En Afterplay, Brian Friel recupera dous personaxes de Chéjov: Andrei Prozorov, de As tres irmás, e Sónia Serebriakowa, de Tío Vania, que se atoparán nun café moito tempo despois da época na que protagonizaron os seus dramas. Entre Prozorov e Serebriakowa producirase unha corrente de cómicas e dramáticas confesións. Os seus papeis están interpretados por María Barcala e Gonzalo Uriarte.

Produción moi coidada
A obra chega a Santiago dentro da programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios. Estreouse a principios de outubro en Narón e desde aquela pasou por varias vilas e cidades galegas. Xulio Lago destacou que se trata dunha produción moi coidada "con elementos de moi alto nivel". Salientou o espazo escénico, o deseño de vestiario para unha obra que se sitúa arredor do ano 1900, e a intervención do pianista Xavier Constenla, que compón e interpreta en directo a música do espectáculo.

Teatro do Atlántico é unha das compañías galegas cunha traxectoria máis destacada, nacida en 1985 para a produción de espectáculos en lingua galega. Neste tempo lograron un bo número de éxitos con montaxes como Historia de Neera (1990), A noite das tribades (1996) ou O encoro (2004). A súa anterior montaxe foi Unha primavera para Aldara (2008), coa que conseguiu sete premios María Casares, incluído o de mellor espectáculo.

As entradas para ver O xogo de Yalta. Afterplay custan 7 euros en patio de butacas, platea e primeiro andar; 5 euros no segundo andar; e 3 euros no anfiteatro. Pódense adquirir na billeteira electrónica de Caixa Galicia e na billeteira do Teatro Principal.

Compartir: