CONSORCIO

A Real Filharmonía participa en Madrid no Ciclo "Orquestas y Solistas del Mundo"

02/12/2009 A Real Filharmonía de Galicia viaxa a Madrid para participar, o xoves 3 de decembro, no Ciclo de Grandes Orquestras y Solistas del Mundo, organizado por Ibermúsica, un dos mellores ciclos de música de Europa.

Para a ocasión o director artístico e titular, Antoni Ros Marbà preparou un concerto no que a parte central estará dedicada a unha das mellores composicións de Arnold Schoenberg, Noite transfigurada. O programa complétase con Saturnal, que o galego Manuel Balboa, falecido prematuramente en 2004, compuxera precisamente para o nacemento da Filharmonía e que se estreou no seu concerto inaugural o 29 de febreiro de 1996. A segunda parte do concerto a ocupará a Sinfonía Xúpiter de Mozart.

A tempada de Ibermúsica arrincou a finais de outubro coa integral sinfónica de Brahms pola Orquestra Filharmónica de Israel dirixida por Zubin Mehta. Moi destacable resultou a presenza de BandArt, liderada polo concertino da London Symphony Gordan Nikolic, nun programa con obras de Rossini, Paganini e Beethoven.

Especialmente significativa é a presenza este ano das dúas orquestras de Galicia, a Real Filharmonía e a Sinfónica de Galicia, baixo as batutas dos seus respectivos titulares, Antoni Ros Marbá e Víctor Pablo Pérez. As formacións galegas actuarán nun ciclo no que participan as máis grandes orquestras do mundo, como as de Londres e Nova York.

Noite transfigurada (Verklärte Nacht) é unha das pezas máis coñecidas do compositor austríaco Arnold Schönberg. Foi composta para un sexteto de corda en 1899, inspirada polo poema do mesmo nome de Richard Dehmel. Máis tarde, en 1943 o propio Schoenberg adaptaría a peza para orquestra de corda. Será esta versión a que interpretará a Filharmonía no seu concerto de Madrid. Noite transfigurada foi obxecto de polémica pola súa modernidade e hoxe en día está considerada a mellor obra de Schoenberg. Esta obra foi obxecto dunha charla-coloquio que o mestre Ros Marbà mantivo cos alumnos do Conservatorio Profesional de Música de Santiago o 23 de novembro.

Compartir: